Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Cara á reforma da administración

O PPdeG di que a Xunta blindará prazas "a dedo" e o PSdeG asegura que eses postos vanse limitar

Os populares din que a Xunta convocou 860 postos de libre designación en dous anos e que coa reforma da lei da función pública quere amarrar prazas asignadas "a dedo".

Redacción - 09:00 15/07/2007

"Abre a porta a blindar nos seus postos a todos os funcionarios que ocupan prazas adxudicadas “a dedo” polo Goberno a través de libres designacións", aseguraba este sábado Antón Rodríguez Miranda, deputado do PPdeG. Referíase o deputado popular á reforma da Lei da Función Pública que o Parlamento votará o próximo martes e á que o seu partido presenta 29 emendas.

"Naceu viciada", quéixanse desde o PPdeG, lembrando que o novo Estatuto Básico da Función Pública aprobado no Congreso vaille obrigar á Xunta a elaborar unha nova lei, polo que critican que se "parchee" a existente. De xeito especial, denuncian que tal e como se redactou permite que os funcionarios en postos de libre designación sigan nas súas prazas despois de recibir o cesamento até que que éstas sexan ocupadas vía concurso. Por riba, a experiencia acumulada daríalles vantaxes para permanecer neles. Din os populares que isto contribúe á "politización" da administración.

O PSdeG rexeita as críticas e sostén que a reforma "modernizará" a administración
"O proxecto que se debate o martes na Cámara limita os postos de libre designación e fai dos principios constitucionais de igualdade, mérito e capacidade a regra xeral do acceso ao funcionariado galego", defende Beatriz Sestayo, deputada do PSdeG.

Sestayo opina que as críticas dos populares teñen que ver co feito de que o PPdeG "defendeu durante 16 anos un proceso radicalmente contrario a estas liñas de actuación" e repróchalles que se opoñan á regulación da "transparencia" na función pública, cunha norma que ademais garantiría a "modernización e profesionalización" dos altos cargos da administración.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: