Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Orlando Gregorio, de SOS Courel

"No Courel quítanlle servizos á xente para apartala de aquí"

"A este paso imos ter que facer unha plataforma cidadá que goberne Galiza". Vieiros falou co activista Orlando Gregorio Álvarez. "Estamos a tempo de salvar o Courel, dinos.

R.Noguerol - 09:00 15/07/2007

Vieiros: O Courel, un gran descoñecido aí á volta, non é?
Orlando Gregorio Álvarez: Pois seguramente hoxe é moito menos coñecido do que o era, noutros tempos, cando Novoneyra escribía del. Foise ocultando co paso dos anos. E iso ten que ver cun plan non escrito para desvalorizalo, un plan do que cada vez imos sabendo máis. Hai un conxunto de intereses claros que apuntan ao Courel.

En 2001 tiveramos un exemplo evidente, cando un conxunto de empresas fixeron presión para evitar que a zona entrase baixo a protección de Rede Natura. A cobiza por explotar os recursos mineiros do lugar era o que os movía. Desde aquela segue a presión. A Xunta presenta como un gran anuncio o feito de que se paralice unha ou un par de explotacións, pero aquí hai un feixe delas, tanto legais como ilegais.

Están estragando unha das zonas do país con maior biodiversidade, permitindo cousas como que se faga unha estrada unicamente para a utilización das canteiras, eliminando alternativas para os veciños... Que non veñan falando de plans de desenvolvemento sustentábel e de chamada á participación dos axentes sociais cando despois lle dan as costas á xente. A nós por exemplo aínda non nos consultaron ao respecto, aínda que claro está, entendemos que a consellaría de Medio Ambiente está enfadada connosco porque lles vimos sacando as cores deseguido.

Chega tarde o movemento en defensa do Courel?
Non, non chega tarde. Estase a tempo de salvar, pero iso se se quere, claro. Os políticos teñen na súa man a toma de decisións que creen outro futuro. Tal e como por exemplo no seu momento se decidiu con firmeza sobre Touriñán, entendendo que era un proxecto horrendo para o lugar, aquí poderíanse tomar as decisións correctas de igual modo.

Iso non quere dicir que sexamos optimistas, e as palabras do conselleiro Pachi Vázquez facendo comparación con Vigo xa nos parecerían abondo motivo para solicitar a súa dimisión. Fanse monumentos faraónicos e Cidades da Cultura e esquécese o importante valor que xa temos. Se este goberno segue así, nesta liña de irresponsabilidade, mal imos...

E con todo, non pensa vostede que a mobilización que desta volta se está producindo é unha garantía tamén para o futuro?
Temos a esperanza. Se o mundo está así, se teiman en poñelo así, non podemos cruzarnos de brazos. Hoxe é Courel e mañá pode ser noutro sitio. Se lles deixamos... A nosa loita é de interese para toda Galiza.

Parece que á xente agora lle interesa isto...
Estamos falando probablemente do bosque máis glorioso desde Roncesvalles a Compostela. Alén de outros valores ambientais, sociais ou mesmo económicos, por exemplo por que non vai ser posíbel un turismo de calidade no Courel, pensemos no valor se se quere máis frívolo: o paisaxístico. Isto é un paraíso e está vindo xente de fóra, persoas que queren apostar e montar proxectos turísticos, vivir no Courel, e non lles deixan, todo son obstáculos e darlles para atrás. É escandaloso, unha auténtica vergonza. Promoven máis de medio cento de explotacións mineiras, a continuación din que paralizan a metade pero permiten o resto, e aínda queren quedar como heroes...? A este paso imos ter que crear unha plataforma cidadá que goberne Galiza.

Puideron ver vostedes o plan de concesións e dereitos mineiros que tanto pediron?
Esa información aínda non a temos aínda que insistamos en que os veciños teñen dereito a todos os datos e de xeito detallado. A Xunta usa a información para o que lle convén e da forma que quere, organizan unha conferencia de prensa, sacan un mapa daquela maneira... Pasan por riba de leis europeas e estatais e non lle fan caso ningún ás normas que estabelecen que a xente debe ter canles para participar neste tipo de casos.

Con todo, ao respecto dalgún borrador ao que tiveron acceso insinúan vostedes algunha curiosidade...
É incríbel: o Courel totalmente tapizado de cuadrículas mineiras, desde o norte até o sur. Ben, todo non, resulta que si que aparece un anaco pequeno no límite con Quiroga e a excepción da aldea de Teixeira e monte e terras a pé dela que, casualidade, coincide coa aldea natal do alcalde do Courel.

Por outra parte, se lle parece falamos do día a día dos veciños, que está cheo de pequenas pero moi importantes reivindicacións...
É outra parte do truco que están aplicando aquí. Quítanlle servizos á xente para apartala de aquí. Todo son facilidades e axudas para que os veciños deixen o Courel e vaian cara a Quiroga ou Monforte. Suprímese transporte público, elimínanse servizos sanitarios... Aquí estase fomentando adrede o despoboamento, engatusando a xente para que marche a Quiroga e deixe o Courel, o Folgoso leva camiño de ser un concello pantasma. Ademais da declaración de Parque Natural queremos que os veciños se poidan implicar na súa xestión e que se destinen os recursos necesarios e se poñan os servizos públicos básicos, porque iso é o desenvolvemento sustentábel.

Se cadra... Foron as administracións tradicionalmente pouco ambiciosas co Caurel?
Foron, cando poden facer algo miran para outro lado. Fan ao revés ou non fan nada. Ou si, fan folletos. Se gastaran os cartos ben... Pero folletos si que fan...

Desde os concellos non parece que haxa un movemento forte en protesta?
Non, cando hai tantos intereses polo medio. Non é doado enfrontarse. Ven que a xente está un tanto resignada. E con esta tendencia Galiza de aquí a pouco non vai poder presumir de nada. É unha vergonza. Os políticos son auténticos covardes e están merendeando coa xente. Trátase simplemente de querer o territorio, de ter un aprecio polo noso. Se ese criterio o tivesen as empresas que promoven estas cousas, isto non pasaría. Pero en Galiza parece que temos mala sorte con isto, coas empresas, coas caixas, cos bancos, cos políticos...

E mire, vanlles poñer uns muíños eólicos, pero seica os van pintar...
[risos] Eles mesmo recoñecen o impacto que isto ten, non só polo contorno natural onde se pon, senón porque ademais está no Camiño de Santiago. Medio Ambiente prometera que non se ían instalar máis parques eólicos en Rede Natura, pero agora acaban de autorizar o parque eólico do Oribio, no Courel, que será o máis alto do país, a 1.500 metros de altura. Paradoxalmente, na declaración de impacto ambiental recoñecen o impacto visual que terán e din que para compensar van pintar as torres e poñer pantallas vexetais. Pois non sei eu que pantallas serán esas, con semellantes aparellos supoño que plantarán eucaliptos.


5/5 (20 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: