Os díscolos, encabezados por Celestino Poza, cuestionan as designacións aprobadas polo partido.
Celestino Poza, no medio, cando aínda era deputado provincial
Os socialistas da bisbarra da Coruña están máis distanciados que nunca. O motivo do último enfrontamento é o reparto dos escanos de deputados provinciais. Os concelleiros tiñan que elixir catro representantes na Deputación. Finalmente prosperou a iniciativa oficial: Salvador Fernández Moreda (A Coruña); Xosé Nogueira (A Coruña); Pilar Souto (Arteixo); e Xosé García Liñares (Cerceda). Os catro obtiveron o apoio dos edís da Coruña, Arteixo, Oleiros e Cerceda.
Porén, horas antes da votación había moitos nervios. O secretario comarcal, Florencio Cardador, traballou arreo para que os concelleiros de Cambre, Culleredo e Carral acudisen á reunión. Mais non foi posíbel: os nove concelleiros de Culleredo, os sete de Cambre e un dos de Carral non foron ao encontro.
Segundo fontes socialistas os problemas comezaron pola exclusión de Celestino Poza, concelleiro en Culleredo e, até o de agora, deputado provincial. De feito, acusan a Poza de ter aguilloado a revolta interna. Porén, o candidato carralés Fernando Taibo tamén tiña esperanzas de entrar na cámara. Dende sector oficial xustifican a elección dos deputados e lembran que as baixadas máis acentuadas de votos se deron nos tres municipios díscolos.