Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Canal Verde

Xestionado pola Federación Ecoloxista Galega e Vieiros
RSS de Canal Verde
DENTRO DA REDE NATURA 2000

Ampliación do Salto de Novo Castrelo: certificando o estrago dun río

Este verán escuro para o medioambiente galego, no que a "legalización" inxustificábel da canteira de A Campa no Courel , a aprobación no Consello de Goberno do Plano Acuícola e a autorización da masacre de pombiños na Illa da Toxa marcan unha nefasta deriva nas políticas ambientais do goberno bipartito ven de sumar unha nova desfeita ao ronsel: A Xunta autoriza a ampliación  do aproveitamento hidroeléctrico de Novo Castrelo desprezando as alegacións presentadas e certifica a agonía do río Xallas.

Verdegaia - 18:40 12/07/2007

Este proxecto significa a construción dunha toma de caudal 2 km río arriba da ubicación do segundo bosque atlántico máis grande da provincia da Coruña e tamén a máis occidental de Europa, a Devesa de Anllares, nas inmediacións do Pindo, cunha canle de derivación soterrada de 1.550 m que desaugaría mesmo no borde superior da curva de remanso do encoro de Santa Uxía, eliminando o caudal que actualmente permite manter cunha mínima calidade este tramo do río Xallas. A propia empresa, no proxecto, afirma ao respecto das bondades da construción do novo aproveitamento: “con ello el caudal de aproximadamente 32 m3/s que hoy recorre el río de forma improductiva, recorrería en serie las nuevas turbinas” (sic).

encoro_xallas.jpgEsta auga “improductiva” alimentaría unha potencia de só 6,3 Mw, sendo, xa que logo, absolutamente inxustificábel acometer unha desfeita ambiental desta envergadura para uns resultados tan cativos.

O desprezo polas funcións ambientais e sociais dos ríos do noso país  foi característica común do tratamento dado aos ríos polas empresas eléctricas e as anteriores Administracións. Mais semellaba unha etapa superada tras a aprobación da Iniciativa Lexislativa Popular en Defensa dos Ríos e a paralización dalgunhas minicentrais no río Ulla e Deza.

Máis non, lamentábelmente seguimos nas mesmas. Non existe ningunha razón de beneficio social, nin os posíbeis aforros en emisións contaminantes ou importación de petroleo, que xustifiquen a destrución definitiva deste río e a afección que terá sobre a Devesa de Anllares.

Só a cobiza depredadora dunha empresa, FerroAtlántica e dun empresario, Villar Mir (ambolos dous de traxectoria suficientemente coñecida) e o desleixo, a incompetencia e a falla de valentía política dunha administración desacreditada son os garantes desta barbarie.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: