Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Bos Aires

Edición xestionada por Débora Campos
RSS de Bos Aires
A ULTIMA VEZ FORA NO ANO 1918

A cidade de Bos Aires baixo unha nevada histórica

Os bonaerenses saíron este luns á rúa a festexaren a caída da neve, ocasionada polo frío polar que ten o país atrapado polas baixas temperaturas e case no colapso enerxético. Crónica de Débora Campos, e vídeo do xornalista Julio Gallo:

Débora Campos - 09:41 10/07/2007



O frío polar que está a espallarse sobre a Arxentina e poñendo en crise o seu sistema enerxético achegou este luns unha dose de ledicia: as baixas temperaturas e un excepcional fenómeno climatolóxico fixeron posible unha nevada que deixou a cidade de Bos Aires e o Conurbano bonaerense baixo unha capa branca, que os arxentinos desa rexión nunca viran antes.

O fenómeno non se rexistraba no país dende o ano 1918 e promete seguir algúns días máis. A excepcionalidade da nevada fixo que os bonaerenses saíran á rúa a festexar a chegada da neve e sorprendeu aos propios expertos.O luns acordou con fríos polares en todo o país e a caída de nevisca en horas da mañá. Pero, sobre as 14.00, as pingas fixéronse brancas e, a modo, a cidade foi quedando cuberta de neve.

Jorge Leis, experto do Servizo Meteorolóxico Nacional, dixo á axencia pública de noticias Télam que "o fenómeno orixinouse na irrupción de aire polar nos niveis medios da atmosfera e a baixa temperatura existente na superficie, o que non deixou que as folerpas desaparecesen ao chegar ao chan".Esta situación, engadiu, "prolongarase até as primeiras horas do día martes e é posíbel que a neve se acumule durante a noite cando a temperatura aínda baixe máis".

Case un século sen neve

Os porteños e bonaerenses, cando viron que as pingas mudaban en folerpas, comezaron a saír ás rúas cubertos de gorros e abrigos. No barrio de Villa Devoto ducias de persoas poboaron as beirarrúas e o tránsito de coches tivo que interroperse pola presenza da xente que festexaba a curiosidade.

Na periferia da capital da Arxentina tamén houbo neve: as cidades de Quilmes, Avellaneda, La Matanza, Lomas de Zamora, Ituzaingó, Ezeiza, Tigre, Pilar, Escobar e La Plata, entre outras vilas, viron encherse de neve as árbores, as rúas e os coches.

A nevada máis forte que caeu sobre Bos Aires foi rexistrada no mes de xuño do ano 1918, cando se acumulou nas rúas e nas árbores. Logo, nos anos 1928 e 1967 houbo fenómenos semellantes pero xa en formar de aguaneve ou nevisca. Daquela, a cidade non vivía o fenómeno actual que os meteorólogos chaman "illa de calor", e que fai que a urbanización crecente xere unha temperatura terrestre que non permite a acumulación de neve.


5/5 (2 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: