Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
PPdeG e BNG piden a súa dimisión á fronte da DXT

Navarro di que "a psicoloxía dos galegos" impídelles ver a redución dos accidentes de tráfico

Mentres que os populares e os nacionalistas piden o traspaso das competencias, o director xeral de Tráfico fala do "pesimismo histórico" de Galiza.

Redacción - 14:15 05/07/2007
O director xeral da DXT, Pere Navarro

O director xeral da DXT, Pere Navarro

O director xeral da Dirección Xeral de Tráfico (DXT), Pere Navarro, criticou esta cuarta feira "o pesimismo histórico" dos galegos que lles leva a pensar que non hai solución á alta mortaldade nas vías e, en consecuencia, non buscan solucións.

Ademais, a conciencia que teñen da singularidade de Galiza failles rexeitar as políticas de Madrid, pensando que na comunidade "non funcionarán". Navarro engadiu que os galegos teñen "un problema psicolóxico" que lles impide ver que malia todo a siniestralidade se reduce igual que no resto do Estado, segundo informa o Faro de Vigo.

"Pesimismo crónico, histórico"
PPdeG e BNG pediron inmediatamente o seu cesamento e o traspaso das competencias de tráfico á Xunta. A polémica saltou pola mañá na cadea Ser cando Navarro declarou: "Fascíname que cando vou a Galiza sempre me din que o que funciona no resto do Estado, en Galiza non vai funcionar. Están instalados no pesimismo crónico, histórico. Dinme que chove demasiado, que se a dispersión, se o estado das estradas, ..."

Preguntado por un cidadán polo fracaso en Galiza do carné por puntos, o alto cargo do goberno español reafirmouse na súa tese e insistiu: "É un problema psicolóxico dos galegos... a accidentalidade estase reducindo igual que no resto de España (os últimos datos sinalan que no Estado a accidentalidade baixou un 14%, namentres que no país tan só un 5%), menos os atropelos, mais vostedes están instalados no pesimismo. Chámame a atención. Pensan que Galiza é outra cousa e que en Galiza non hai solución".

Por último, cando lle pediron unha explicación de por que os falecementos de viandantes en Galiza se duplicaron este ano, resolveu o problema cun conciso "que quere que lle diga, poñan chaleco reflector".


4,33/5 (6 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: