Unha publicación británica cualifica a festa do viño de Cambados como a "máis importante" das do Estado, e comenta os incendios do ano pasado.
A Festa do Albariño celébrase en Cambados o primeiro fin de semana de agosto
A revista británica especializada en dar a coñecer o turismo español no Reino Unido Living Spain cualifica a Festa do Albariño de Cambados (O Salnés), como o evento "máis importante" do Estado.
A festa, que celebra os seus días grandes a principios de agosto, está incluída entre as citas ineludíbeis que selecciona a publicación para o verán, xunto cos Sanfermines e o Festival de Jazz de San Sebastián.
Living Spain adica este mes unha reportaxe central á festa do Albariño. Dende o Concello de Cambados sinalaron que o seu autor "explica con todo luxo de detalles en que consiste a festa cambadesa por excelencia e cal son os principais atractivos da vila".
Incendios
Ao titular principal da reportaxe Great white wonder, síguelle o texto: "De volta a esta marabillosa vila de Galiza tras os incendios forestais do ano pasado, dá xenio ver o Val do Salnés, tendo en conta que esta comarca foi unha das peor paradas".
E continúa: "Preto de 100.000 acres (5.000 hectáreas) de bosque foron reducidas a unha morea de borralla. O triste é que a maioría dos lumes foron supostamente provocados á mantenta por gardas forestais anoxados pola súa situación contractual abusiva"
O autor, Adrian McManus, cualifica a festa como "a máis importante do viño en España" e destácaa como "unha cita hedonística e unha explosión de cor que se manifesta a través das peñas albariñenses".