Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
POLÉMICA NA MAIOR CONVOCATORIA DA HISTORIA

Excluídos das oposicións a mestre por aforraren papel

Centos de aspirantes eliminados por defectos de forma como imprimir as programacións a dobre folla ou non usar Windows, acusa o STEG

Redacción - 14:46 03/07/2007
A Conselleira de Educación, Laura Sánchez Piñón, responsábel das oposicións

A Conselleira de Educación, Laura Sánchez Piñón, responsábel das oposicións

A polémica chegou á maior convocatoria da historia de postos de traballo para o ensino público, en marcha esta semana. O Sindicato de Traballadores do Ensino de Galiza (STEG) denuncia que a Xunta excluíu a centos de aspirantes por defectos de forma. Imprimir as programacións a dobre cara ou usar “sistemas operativos libres” para redactalas son algún dos motivos, di o sindicato.

É máis, o STEG acusa á Consellería de Educación de permitir que non haxa un criterio común nos diferentes tribunais. Así, algúns aspirantes que presentaron a programación con defectos de forma foron excluídos; o que no caso dos interinos implica a perda do seu posíbel posto de traballo. Noutros casos, o tribunal deulles un cero, pero poderán seguir opositando.

Ante esta situación, o directivo do Sindicato Xosé Cabido acusa á Xunta de crear “un auténtico barullo” nas oposicións e pide que Educación chame aos tribunais a “actuar con flexibilidade” cos defectos de forma. Pola súa parte, a Consellería insiste en que os tribunais teñen autonomía para aplicar a convocatoria. Tamén indica que axustar a programación á forma especificada “é un requisito”.

É un problema de imprimir dende Linux?

Algúns aspirantes foron eliminados por imprimir as súas programacións a dobre cara, en 30 folios no lugar dos 60 que pedía a Xunta. O directivo do STEG argumenta que non ten sentido castigar aos aspirantes por aforrar papel cando, de aprobar a oposición, deberían ensinar aos nenos a respectar o medio mediante o consumo responsábel. “Ademais o número de caracteres é o mesmo, sexa a dobre cara ou non”, quéixase Cabido.

O Sindicato tamén indica que houbo varios casos de suspensos por “non ter feita a programación na letra Arial de Windows e facela en sistemas operativos libres”. O certo é que a Arial é unha tipografía igual en todos os sistemas, pero, segundo explica o deseñador gráfico Óscar Otero, pode imprimirse de forma lixeiramente diferente en función do programa usado, sexa este de Windows ou de Linux.

Consellos para os afectados, que poden ser mil
O Sindicato di que o número de excluídos aumenta a medida que se coñecen as primeiras notas, polo que teme que a cantidade final de afectados alcance o millar. STEG recoméndalles que reclamen que se lles detalle o motivo da súa exclusión. Con esa información, poden recorrer tanto diante do tribunal como ante a Consellería. O sindicalista explica que, nalgúns casos, os tribunais deron marcha atrás despois de protestar ante Educación.


4,64/5 (33 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: