Entre o 4 e o 6 de xullo as mellores corredoras galegas dos 15 aos 20 anos hanse xuntar en Padrón. Á reunión van convocadas vinte rapazas das categorías Cadete, Xúnior e Sub-21.
Esta primeira xuntanza foi convocada pola Fundación Ciclismo Galego e a Federación Galega de Ciclismo, dentro do convenio de promoción subscrito entre ámbalas entidades para promocionar o ciclismo feminino galego.
Durante tres días as ciclistas participarán nos adestramentos en estrada e circuíto, supervisados por técnicos do Karpin Galicia e da Federación Galega. As xornadas complementaranse con sesións teóricas.
Achegamento ás novas promesas do ciclismo feminino galego
As corredoras hanse xuntar en Padrón para tomar conciencia sobre a realidade que representan, sobre cántas mulleres move a práctica diaria deste deporte en Galiza para, deste xeito, lograr estabelecer unhas moi necesarias bases propias.
Ao finalizar a concentración, os seus organizadores han celebrar unha xuntanza para extraer conclusións e establecer as liñas da estratexia a seguir no ciclismo feminino en Galiza.