O volume "A fenda dixital e as súas implicacións educativas" preséntase este martes en Compostela. No mesmo evento haberá un espazo para Vieiros da Escola.
"Provocar o debate" sobre o impacto das tecnoloxías da información e a comunicación na comunidade educativa foi o desafío afrontado hai dous anos nas xornadas sobre a fenda dixital organizadas polo colectivo Nova Escola Galega, as tres universidades galegas e a Universidade de Tras Os Montes e Alto Douro.
"As novas tecnoloxías son instrumentos de extraordinaria eficacia para darlle máis versatilidade e capacidade aos modos de comunicación entre un profesor e os seus estudantes", reflexionou Domingo Docampo, daquela reitor da Universidade de Vigo, durante a conferencia inaugural. Explicou Docampo que as novas tecnoloxías deben ser "liberadoras" e opinou que "non se trata de usar unha ferramenta porque si, porque hai que estar á última, senón porque achega un valor ao proceso educativo".
Esta e outras ideas quedan recollidas no volume "A fenda dixital e as súas implicacións educativas", coordinado por Xosé Manuel Cid Fernández, da Universidade de Vigo (UVIGO, e Xesús Rodríguez Rodríguez, da Universidade de Santiago de Compostela (USC.
A obra, que se presenta este martes no IV Congreso de Materiais e recursos didácticos innovadores, inclúe tamén as reflexións de Miguel Vázquez Freire sobre o traballo realizado polo Grupo Pé de Imaxe; Manuel Area falou baixo o título "A escola no labirinto tecnolóxico"; Esther del Moral achegou as oportunidades para a contribución das TIC ao desenvolvemento da escola rural do século XXI; Javier Echeverría comentou o papel das escolas e o ensino como recursos na loita contra a fenda; Vitorino Gonçalves e Cristina Novoa referíronse ás TIC como instrumento dinamizador nas bibliotecas escolares.
A escolma inclúe tamén a experiencia TIC sobre educación vial e matemáticas promovida polo profesor Luís Cachafeiro ou as ideas de Eva Garea sobre o uso de internet no ensino de filosofia. No mesmo volume recóllense tamén as reflexións da mesa "A fenda dixital en Galiza e Portugal", onde participaron Lourdes Montero, Afonso García Tobío, Adriana Gewerc, Joaquim Escola e Roberto Noguerol.
IV Congreso de materiais educativos innovadores
Entre o martes 3 e o xoves 5 de xullo ten lugar, na Facultade de Ciencias da Educación de Santiago de Compostela, este encontro (.pdf) para a procura e intercambio de ideas que faciliten, en palabras dos organizadores, "solucións didácticas tan complexas como imaxinativas, materializadas en prácticas innovadoras, experiencias estimulantes e materiais educativos renovadores".
Entre outros, falarase do proxecto Galicia Encantada, de materiais didácticos para traballar a "Ética da memoria", de materiais didácticos para o alumnado de Educación Especial no Concello de Serra de Outes, de materiais innovadores en educación para a saúde, da experiencia Ponte nas Ondas ou mesmo do proxecto Vieiros da Escola.