Os criterios "políticos e localistas" que deron en titulacións repetidas en varios campus darán paso a unha reorganización da oferta, segundo explicou a conselleira de Educación.
A adaptación ao espazo europeo das universidades galegas incluirá un redeseño da oferta nos campus do país, segundo explicou este domingo nos micrófonos da Cadena Ser a conselleira de Educación, Laura Sánchez Piñón. A conselleira avanzou que eses cambios incluirán rematar coa duplicidade de titulacións estabelecida durante anos nos que primaron criterios "localistas" no reparto entre as tres universidades galegas.
Sánchez Piñón comentou que a reforma vaise prolongar durante dous anos e que o Consello Galego de Universidades presentará en breve un guieiro para o proceso. A conselleira dixo esperar que o proceso non provoque problemas e rivalidades entre os campus do país e asegurou que os tres reitores "son conscientes de que chegou o momento" de harmonizar a universidade galega". "As tres universidades teñen moi claro que este é un momento especial, para facer esta especialización", afirmou, "Necesitamos un novo tipo de titulación, temos os piares, agora é o momento de facelo, temos un sistema universitario galego forte e cohesionado", indicou.