O descontrol en usos agrícolas e aplicación de pesticidas ameaza as abellas, que levan 80 millóns de anos sobre o planeta.
O chamamento a grupos ecoloxistas, sindicatos agrarios, asociacións de consumidores e aos cidadáns en xeral é a preocupación principal dos apicultores galegos, que este sábado se reúnen na 22ª Mostra Galega de Apicultura a celebrar no Centro de Divulgación do Queixo e do Mel, en Arzúa.
O sector láiase do emprego "masivo e indiscriminado" de pesticidas sistémicos neurotóxicos de uso agrícola, tanto sobre as plantas como no tratamento das propias sementes. Por este motivo, queren que esta sexa unha xornada reivindicativa a través da cal trasladarlle á importancia de loitar contra a desaparición masiva das abellas debido a esas malas prácticas no agro. Insisten en que a única solución é a prohibición destes produtos, iniciativa que xa se levou a cabo en Francia.
A xestión agícola é hoxe "pouco escrupulosa co noso medio ambiente", quéixanse desde a asociación galega de apicultores. Por iso, inician unha campaña para facer presión aos poderes públicos e "obter unha verdadeira protección da abella". Segundo explican, iso sería posíbel de aplicarse estritamente a directiva 91/414 de homologación de produtos fitosanitarios. Controlar que as empresas relacionadas e os labregos acepten esas prácticas non só favorecería a recuperación da apicultura, senón que tamén serviría de impulso en favor do compromiso co medio ambiente.