Na cuarta feira preséntase en Ferrol o VIII Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia. O evento do 5 ao 8 de xullo.
A vindeira cuarta feira, ás 12:30 horas, presentarase no edificio da Xunta de Ferrol, o VIII Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia.
Á presentación van asistir representantes das Consellerías de Cultura e Deporte, de Innovación e Industria, de Pesca, e tamén da Deputación Provincial d'A Coruña, do Concello de Ferrol e da Autoridade Portuaria. Entidades todas elas patrocinadoras de este evento que organizan a Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial xunto co Clube do Mar de Ferrol.
As xornadas, que se desenvolverán da quinta feira día 5 ao domingo 8 de xullo, han xuntar un ano máis ducias de embarcacións tradicionais recuperadas de toda Europa, no mar e mais da terra de Ferrol, peirao do norte, escollido este ano para celebrar uns encontros que reúnen, cada dous, a milleiros de persoas defensoras e amadoras de cultura marítima e fluvial de Galiza.
No peirao de Curuxeiras...
... que se ha converter no centro neurálxico dos encontros e da cidade nestes días, estaán amarradas ducias de embarcacións galegas, asturianas, cántabras, vascas, andaluzas, "cartageneras", levantinas, catalanas, portuguesas, irlandesas, rochelesas, azorianas... enchendo por tres días as augas e ribeiras da ría de Ferrol.
En terra, institucións, museos navais e asociacións preocupadas pola etnografía marítima exporán os seus fondos e proxectos, desenvolveranse actividades de divulgación e estudo e tamén haberá tempo para a diversión e o lecer.
Este será o primeiro Encontro no Norte de Galiza, que poderá servir para ampliar o coñecemento entre as diferentes terras do Arco Atlántico europeo, para recuperar, manter e pór en valor o patrimonio marítimo.
O primeiro encontro ao norte de Fisterra
Dende hai máis dunha semana as tripulacións do sur de Galiza e Portugal están a se preparar para realizar unha gran travesía "en conserva" cara o norte, ao longo de toda a costa do país. Día a día van ir arribando aos diferentes portos onde previsibelmente os pode coller noite.
Sairán barcos de Portugal xuntándose cos das rías de Vigo, Pontevedra, Arousa... recalando en Muros ou Lira, Muxía, Camariñas, Laxe ou Malpica, recollendo despois aos da Coruña e aos da ría de Ares, até que na quinta 5 de xullo fagan a súa entrada na ría de Ferrol; por terra chegarán aquelas embarcacións que, polo seu pequeno porte, non poidan facelo por mar.