Vieiros abre novo canal, o "Vieiros do mar": un percorrido arredor das tradicións do mar en Galiza, dende as embarcacións tradicionais ao oficio de carpintería de ribeira, das dornas ás gamelas, e de norte a sur, por toda a costa do país.
Este novo canal nace para dar conta das actividades que se están a facer no noso país arredor da cultura marítima e fluvial e de cara ao VII Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galiza, que este ano se celebra en Ferrol.
O canal recollerá toda a información sobre as regatas das embarcacións tradicionais galegas e sobre as actividades de recuperación da cultura marítima galega: exposicións, obradoiros, encontros, publicacións... unha tradición que xunta cada ano en Galiza a milleiros de persoas, arredor das actividades que organiza a Federación Galega da Cultura Marítima e Fluvial, a FGCMF.
Cada día, o canal Vieiros do Mar encherase de información para mergullarnos na arqueoloxía, na economía, na arte e nos oficios do mar e da ribeira en Galiza.