As enquisas outórganlle máis de 400 escanos de 577 á UMP de Nicolas Sarkozy. Por outra banda, este domingo perdeu a súa inmunidade o ex presidente Jacques Chirac.
Os institutos de opinión prevén que o partido do presidente Nicolas Sarkozy, a Unión por un Movemento Popular (UMP) obteña a maioría absoluta na Asemblea Nacional tras a segunda volta das eleccións lexislativas que teñen lugar este domingo en Francia.
Segundo as sondaxes, a UMP debería obter máis de 400 dos 577 escanos da Cámara Baixa. Jack Lang, un dos cadros prominentes do principal partido da oposición, o Partido Socialista (PS), sinalou que non importa o número de escanos cos que se fagan os socialistas, xa que "xa fracasaron" na primeira volta da elección presidencial e, en consecuencia, tamén o farán nas lexislativas.
Un só escano na primeira volta
Tras a primeira das votacións, 110 deputados resultaron elixidos ao obter máis do 50%. Entre estes hai 108 membros do partido do presidente galo, un do partido centrista aliado da UMP, o Novo Centro (NC), e só un do PS.
Deste xeito, aínda quedan por disputar 467 escanos da Cámara Baixa. Segundo os estudos de opinión a UMP e o PS deberíanse de repartir a maioría dos asentos do palacio Bourbon, o edificio parisiense que acolle aos representantes franceses.
Fin da inmunidade de Chirac
Por outra banda, a xornada deste domingo é a primeira do ex presidente francés, Jacques Chirac, sen a inmunidade xudicial da que gozou durante os pasados doce anos ao exercer a Presidencia da República.
A fin da inmunidade ante a xustiza do ex presidente prodúcese un mes despois de ser sucedido por Nicolas Sarkozy. É moi probábel que sexa chamado a declarar esta mesma semana polos xuíces , co fin de aclarar a súa relación con cinco tramas de corrupción investigadas pola xustiza gala.