Sitúase á cola dunha lista de dez países de menos de nove millóns de habitantes -que non inclúe a Galiza- sobre calidade de vida.
Alex Salmond (segundo pola dereita) nunha xuntanza do FSB escocés
A Federación de Pequenos Empresarios, FSB, escoceses fixo pública esta semana un estudo anual, onde se analiza o índice de riqueza comparado de dez países do occidente europeo con menos de nove millóns de habitantes.
O informe, elaborado pola Universidade de Glasgow, toma como referencia criterios tal como a situación económica, a taxa de desemprego ou a saúde e a educación nestes países. Segundo este, Escocia ocuparía o derradeiro lugar da lista, debido en boa parte á baixa esperanza de vida que rexistra e ao seu mal servizo sanitario, segundo informa a BBC.
O índice FSB compara a unha decena de países entre os que se inclúe Noruega, Islandia e a República de Irlanda, mais non contempla datos de ningunha das nacións sen Estado do occidente europeo, tal como Galiza.
Desafío para o novo goberno
Andy Willox, responsábel de área da FSB en Escocia, sinalou que o novo primeiro ministro do SNP, Alex Salmond, deberá de moderar as súas expectativas e centrar o seu traballo en facer un país "máis san, máis rico e máis xusto", tal como prometera ao asumir o goberno.
"A saúde, a educación, a taxa de desemprego e a situación económica están todas elas interrelacionadas", engadiu Willox; "as melloras en saúde e educación permitirannos ter un cadro de persoal máis san e mellor preparado, o que impulsará a produtividade e o crecemento económico".
O ministro de Economía, John Swinney, dixo non estar sorprendido polo resultado do estudo. Sinalou que este reflicte os argumentos defendidos polo seu partido durante os últimos anos" e "contradí a retórica do anterior goberno que pintaba a situación de cor de rosa". Ademais, afirmou que o informe "pon de manifesto o desafío ao que se enfronta o novo goberno".