División de opinión a pé das aulas, onde unha elevada porcentaxe do profesorado pensa que a situación se deteriorou nos últimos tempos.
Até o 44% do profesorado do Ensino Secundario avalía que a situación da educación en Galiza é agora algo ou moito peor do que era hai uns anos. En xeral os pais dos cativos aparecen máis optimistas que os docentes, e no treito de Infantil e Primaria até un 45,8% pensan que a situación mellororu bastante, porcentaxe que chega ao 46% entre os pais de rapaces que cursan Secundaria. Entre os mestres de Primaria, un 40,3% é optimista sobre esa evolución. De xeito xeral os pais de rapaces de entre 6 e 12 anos son máis críticos co sistema educativo do que o son os mestres desa etapa. Pola contra, na ESO son os profesores os máis críticos, fronte a unha visión máis optimista dos proxenitores.
Do informe tamén se extrae a opinión negativa sobre as reformas impulsadas na Ley Orgánica de Educación, LOE, á que o 45,1% do profesorado cualifica positivamente fronte a un 38,2% que a considera pouco axeitada para os requirimentos do contorno educativo galego. En xeral, o profesorado é máis crítico coa situación concreta dos plans do estudos do que o son os pais e nais. O profesorado subliña tamén a falta de comunicación co pais dos rapaces, preocupación que é menor por parte destes.
O estudo é froito de case catro mil entrevistas realizadas a pais e profesores de todos os niveis educativos e inclúe alumnos de Bacharelato e Universidade.