O Produto Interior Bruto achégase á media do estado, pero non por unha mellora da economía, senón pola perda de poboación.
Un informe elaborado polo sindicato CIG amosa unha situación pouco esperanzadora para os asalariados do país. Segundo os datos do traballo, a economía medrou un 4,1% o ano pasado, pero os traballadores perderon peso no reparto do PIB e o 95% dos novos contratos asinados foron de carácter temporal.
Galiza mantense como a cuarta comunidade do estado con menor PIB por habitante, con 18.335 euros no 2006, case 4.000 menos da media estatal. O produto interior bruto do país acurtou distancias co resto do estado: pasou de ser o 81,4% da media no 2005 ao 82,8% no 2006. Mais isto non se debeu a un maior crecemento da nosa economía, senón á perda relativa de poboación, segundo a autora do traballo, Natividade López Gromaz, responsábel do gabinete técnico de Economía da CIG.
Esta situación, denominada converxencia pasiva, ten consecuencias negativas a medio e a longo prazo, explica López Gromaz, posto que o indicador do PIB se emprega para calcular, por exemplo, axudas, sen ter en conta a súa composición.
Non se reduce a precariedade laboral
No referente ao emprego, medrou un 3%, sobre todo na construción. Pero aumentou o paro na industria nun 1,6%, o que para a autora do estudo é preocupante, dado o incremento da produción nese sector. A creación de postos de traballo tampouco estivo acompañada de contratos fixos: a temporalidade apenas variou, do 34,90% do 2005 ao 34,86% do 2006, pero empeorou entre as mulleres e no sector público. O 95% dos novos contratos foron de carácter temporal, o que fai medrar a temporalidade.
Á hora de analizar os datos, o desemprego rexistrado polo INEM e o da Enquisa de Poboación Activa (EPA) amosan resultados contraditorios. Se no segundo caso se amosa un descenso do paro moi acusado, aínda que mantendo as diferenzas entre sexos, nas oficinas de emprego hai rexistradas un 49,5% máis de persoas paradas ca na EPA, algo que non chega a acontecer noutras comunidades, polo que López Gromaz considera que cómpre unha explicación institucional desa falta de coincidencia.