Once proxectos participan no laboratorio de análise do guión cinematográfico, que se desenvolverá en dúas fases.
Logotipo do laboratorio
Entre o mércores 30 de maio e o venres 1 de xuño desenvólvese na Coruña a primeira fase do obradoiro Guionlab, organizado polo Clúster do Audiovisual Galego. No laboratorio de análise do guión cinematográfico participan once proxectos que aspiran a se converteren en textos de cine.
O programa estase a desenvolver no Centro Social de Caixanova e conta coa colaboración da entidade financeira e da Axencia Audiovisual Galega. A través de dúas fases, os participantes aprenderán a profundar na arquitectura do guión cinematográfico, para poderen acceder aos mercados internacionais.
No laboratorio participan Metílico, a bebida da morte, de Ignacio Vilar e Ledicia Costa, sobre as intoxicacións masivas no franquismo pola inxestión dun alcol prohibido; Cando veña a noite, de David Pérez Iglesias, historia mitolóxica ambientada tras a guerra carlista; Alfonso Braña, o regatón do Amazonas, de Carlos Oro, sobre unha expedición en avión ao río sudamericano a comezos do século XX; Nación X, de Xosé Morais, sobre o triunfo da imaxinación na aldea de Penedia, e Picasso en guerra: 1936-1945, de Miguel Abad, sobre a vida do pintor durante a guerra civil española.
O resto dos proxectos de guión son Nas portas do ceo, de Mamen Quintas, ambientada no Himalaia; Fóra de lugar, de Luísa Romeo, sobre os sentimentos por riba das nacionalidades; O que calan os nenos sabios, de Pablo Iglesias Rendo, intriga policial; O home do cabalo branco, de Gonzalo G. Velasco, western futurista ambientado no camiño de Santiago; Gago X Merenda, de Ánxela Loureiro, que conta o amor entre un mago e unha bruxa, e Pequenos seres incompletos, de Pachi Baranda, conto sobre perdedores e potenciais gañadores que deixaron pasar a súa oportunidade.
Os participantes no obradoiro contarán co asesoramento de catro expertos internacionais na análise de guión, cos que manterán contacto durante os vindeiros meses. A segunda fase do laboratorio será do 26 ao 28 de setembro en Compostela.