Doce proxectos de guión formarán parte do programa, no que participarán guionistas, produtores e directores de cine. O prazo de presentación de candidatos comeza o 12 de marzo e remata o 20 de abril.
Logotipo
A actividade promóvea o Clúster Audiovisual de Galicia e colaboran nela a Axencia Audiovisual Galega e mais Caixanova. O laboratorio de guións permítelles aos creadores materializar os seus proxectos cun seguimento de todas as fases da súa elaboración.
O director do Guionlab será o galego Enrique Nicanor, cunha ampla experiencia no sector audiovisual. Pedro Ramos será o coordinador dos guionistas e dos catro expertos que participarán no laboratorio: Clare Downs, Daniel Díez Torres, Álvaro del Amo e Daniel Domínguez.
O programa desenvolverase en dous laboratorios de tres días de duración: un do 30 de maio ao 1 de xuño na Coruña e outro do 26 ao 28 de setembro en Santiago de Compostela. Entre un e outro haberá oito semanas de consultas a distancia entre os participantes e os expertos.
Para presentar candidaturas ao Guionlab haise que inscribir no portal web do Clúster ou no da Axencia. Os principais requisitos serán presentar unha sinopse de non máis dunha páxina, o punto de vista e un tratamento con secuencias numeradas que non supere as 12 follas.