As seleccións feminina e masculina xogarán en xuño en Vilagarcía e Ourense.
En Vilagarcía as mulleres, pola tradición que hai na vila arousá no baloncesto feminino; e en Ourense os homes, porque xa lle tocaba, xa que o ano pasado a selección xogou contra Xapón en Lugo e en Vigo.
O que será o segundo partido da selección galega de baloncesto foi presentado na mañá da terza pola directora xeral para o Deporte, Marta Souto e o presidente da Federación Galega de Baloncesto, Francisco Martín Micó.
Martín Micó destacou que se escolleu o escenario de Vilagarcía porque "o partido da nosa selección será unha homenaxe á vila pola súa tradición no baloncesto feminino, xa que a través do Extrugasa ten levado ao máis alto ao baloncesto galego", e destacou que este ano o Extrugasa vai xogar os play-off e busca a clasificación para Europa. O partido entre a selección feminina galega e a bielorrusa xogarase o 18 de xuño, ás 21:00 horas no Pavillón Fonte Carmoa. As galegas estarán dirixidas por Miguel Méndez e máis pola adestradora do Arxil, Maite Méndez. O presidente da federación tamén salientou que gañar contra Bielorrusia non vai ser fácil, xa que van ser partidos "moi disputados, xa que Bielorrusia ten unha selección nova e moi competitiva, que agora mesmo aspira ao pre-europeo".
Os galegos que xogarán no Pazo dos Deportes de Ourense, o día a seguir, tamén ás 21:00 horas, teñen como seleccionador a Quino Salvo, acompañado por Ana Álvarez.
Apoio dos afecionados
A directora xeral para o Deporte, Marta Souto, confiou en que os afeccionados galegos ao deporte e ao baloncesto "arroupen á nosa selección como o fixeron o ano pasado fronte a Xapón, porque lucir a camisola de Galiza é sempre un motivo de ilusión".
As localidades custan 3 euros, para ámbolos dous partidos, unha cantidade que Deporte considera "moi asequible" para que os pavillóns volvan estar ateigados. Nas vindeiras datas cada partido será presentado na cidade onde se xogue, e alí daranse a coñecer as listas de seleccionados e seleccionadas.