Na noite deste sábado de reflexión, o centro social pontevedrés Revira convídanos a unha festa para "saírmos da casca".
Para reivindicar espazos libres de homofobia, liberdade de expresión para lesbianas, gais, bisexuais e transexuais na cidade do Lérez, o centro cultural Revira convídanos a "danzar, xogar, cantar, rir, enganchar, bicar..." dentro das súas portas este sábado pola noite. A festa, organizada polo Colectivo Gai de Compostela (CGC) e BOGA (Mulleres Lésbicas e Bisexuais da Galiza), dará comezo ás nove da noite.
O Local Social Revira é un espazo alternativo, "ao servizo do movemento popular", fundado hai máis de tres anos. Está no número 33 da Rúa Arcebispo Malvar, en Pontevedra. Con esta festa adiántanse case un mes ás celebracións do Día do Orgullo LGTB (o 28 de xuño). Outras celebracións son as de Maribolheras Precárias: as Lerchas de Ourense xa teñen o seu vídeo electoral, coa campaña "Vota machos", e convocan, xunto con outros colectivos, a marcha ciclo nudista na cidade da Coruña o 9 de xuño. Mentres, a Federación de colectivos galegos Aturuxo convoca o I Certame de Fotografía LGTB, co título "Rompendo cos tópicos, familia e afectividade". Pódense consultar as bases na web do Auditorio.