Pretendía concienciar a poboación da existencia desa condena de morte nalgúns países islámicos.
O alumnado de Socioloxía dos Roles de Xénero da USC representaron o xoves á mañá na Praza do Obradoiro un teatro-performance para concienciar sobre a existencia da lapidación nos países islámicos.
Con esta escenificación, o estudantado pretende denunciar o trato vexatorio que reciben as mulleres nesas zonas do mundo, onde carecen de dereitos e sofren malos tratos até o punto de seren condenadas a morte dun xeito cruel. Co lema “Pola erradicación da lapidación”, o grupo de alumnos representou a situación, convidando a cidadanía a reflexionar sobre estes crimes do século XXI.
O alumnado lembra que a lapidación non ten base no Corán, senón nunha interpretación baseada en antigas tradicións e contos. O último caso foi o da rapaza Du'a Khali Aswad, duns 17 anos, que foi lapidada o 7 de abril por asuntos de “honra”. A menor, membro dunha minoría relixiosa ao norte de Iraq, foi lapidada por un grupo de homes diante da multitude. A súa morte durou media hora e foi difundida pola rede.