Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Foron envelenados

Denuncian a morte de varios cans da Protectora de Ponteareas

A Asociación Protectora de Animais sen Fronteiras denuncia que o Concello incumpre as normas de mantemento do refuxio do monte da Picaraña, na vila de Ponteareas.

Redacción - 14:19 22/05/2007
Imaxe dun dos cans atopados mortos

Imaxe dun dos cans atopados mortos

Hai uns días que están a desaparecer os cans en Ponteareas. A semana pasada o refuxio da Picaraña acollía uns 100 cadelos e cadelas que foran abandonados polos seus donos e que vivían na rúa, en varias vilas da comarca. Mais agora só fican preto dos 75.

Dos desaparecidos, seis xa foron atopados mortos dende a fin de semana pasada até a noite da segunda feira, cando apareceu o último, e aínda fican 20 sen atopar. Dende a protectora aseguran non ter moitas esperanzas de atopalos con vida, xa que consideran que os animais estan a ser vítimas dun envelenamento masivo, froito duns fortes intereses por parte de certos colectivos de Ponteareas e do Concello.

O panorama está ben escuro, xa que non paran de aparecer cans mortos, e os voluntarios -o refuxio ten uns 10 que axudan, de balde, na limpeza e mantemento dos cans- están a facer gardas polas noites nos contornos do terreo que ocupa a protectora, para dar co posíbel culpábel.

Segundo denuncian dende a asociación, detrás das mortes dos cans pode andar o Concello de Ponteareas, ao que xa van denunciar, ademais, por non cumprir as leis de mantemento do refuxio. Segundo éstas, os concellos de máis de 15.000 habitantes deben ter un refuxio ou canceira para os animais que vivan sen dono, de obrigado mantemento polas arcas municipais. Mais hai tres anos e medio que o concello non pasa un euro á asociación Protectora de Animais sen Fronteiras e mesmo se nega a ceder os terreos para construír as novas instalacións que a Xunta lle prometeu hai uns meses aos membros da protectora.

En Ponteareas xa houbo unha canceira municipal hai anos, que foi denunciada pola asociación que actualmente xestiona o mantemento do refuxio, polas malas condicións nas que mantiñan aos animais. Naquela altura, a Mancomunidade de Montes cedeulle os terreos da Picaraña á asociación, que construíu o refuxio que hai hoxendía. O refuxio mantense grazas ás axudas dos socios, da xente que acolle os cans e dos voluntarios, ademais da colaboración desinteresada de varios veterinarios da zona.

Nuns días saberase qué clase de veleno está a matar os cans

Os cadáveres dos cans e cadelas que foron atopados até agora están a ser analizados polos veterinarios, para, mediante a autopsia, determinar as causas das mortes. Tamén se está a analizar o penso que se atopou nos contornos da finca e tamén dentro dela, xa que todo apunta a que foi envelenado, e traído dende fóra ao refuxio, para darllo aos cans.

Os intereses que pode haber detrás dos envelenamentos parecen ser, sobre todo, económicos. Dende a asociación acusan aos cazadores, que pretenden facer, na zona onde está o refuxio, un criadeiro de coellos, e a presenza dos cans dificulta de máis a empresa.

Outro implicado poderían ser o concello, gobernado polo PP, en coalición con Nava Castro -da UCPA (Unión Condado-Paradanta)- que leva anos tentando pechar a protectora e dificultando a xestión da asociación, ao non pasar as axudas correspondentes. Ademais, segundo fontes da protectora, hai catro anos, coincidindo tamén coas eleccións municipais, apareceron varios cans mortos, mais non tantos como desta vez.

Dende a protectora teñen convocado unha concentración diante do Concello de Ponteareas, a sexta feira ás 20 horas., para denunciar os feito publicamente.

Cando se saiba qué veleno está a matar os cans, a protectora formalizará a súa denuncia ante as autoridades competentes e ante a Xunta.


5/5 (1 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: