Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Tempos Novos

Xestionado por Tempos Novos
RSS de Tempos Novos
EDITORIAL

Para o día despois

A campaña para o 27-M ten no urbanismo salvaxe un dos seus puntos álxidos. A desfeita non só danou o noso espazo natural, nin unicamente lle puxo cerco de formigón ás rías, acelerou a voluptuosidade especulativa dos reis do mambo inmobiliario, e forzou a carestía da vivenda. Someteu tamén a sospeita pública a tódolos actores políticos e sociais que teñen algo que ver con ela. Adiantamos o editorial do nº 120 da revista TEMPOS Novos.

TEMPOS Novos - 08:00 22/05/2007

Á carón do debate sobre o voto da diáspora, que aparte de contaminado está sobredimensionado, a sociedade e os seus políticos terán que establecer no día despois un pacto polo territorio. Que comporte, ademais, unha obriga política: excluír das candidaturas aos promotores e construtores, facéndoos incompatibles coa xestión que como alcaldes ou concellais teñen que desenvolver nos concellos e deputacións. A respecto destas últimas, nas que se refuxian os restos do caciquismo tradicional, o máis racional é que desaparezan, e con elas a división administrativa das provincias. Mentres existan, terían que quedar sometidas ao control do Parlamento, ante o que rendirán contas os seus respectivos presidentes. Nunca máis se pode repetir un acto de insumisión coma o protagonizado recentemente por Louzán, Baltar e Cacharro, que amosaron así as súas eivas democráticas.

Creación e discriminación


Trala aparencia do politicamente correcto son moitos os ismos que perduran nos fornos da creación artística: clasismos, racismos e, como non, sexismos. Non hai máis que botar un ollo á historia da literatura, da arte, da música ou da escena galega para comprobar que son fabas contadas as mulleres que conseguiron a inmortalidade da memoria colectiva. Sabemos que a historia se escribiu baixo ditados patriarcais mais, até que punto non estamos a escribir coa mesma tinta o presente? Elas renuncian en maior medida a levar adiante unha carreira artística, son aínda contada minoría nas posicións que implican poder e permanecen ausentes das partes máis técnicas dos traballos en equipo. A súa ollada pode ser cuestionada por demasiado feminista ou feminista e, en todo caso, sempre é percibida como a mirada dunha muller. Mentres eles están presentes en todos os foros para explicar o mundo, elas, as creadoras, son chamadas para falar como "mulleres" de "problemas de mulleres". Hoxe máis ca nunca, cómpre unha reflexión a fondo porque hoxe, máis ca nunca, as discriminacións son máis sutís e dificilmente perceptibles. Autorreflexión por parte da cultura e dos seus axentes de mediación, para que cuestionen en que modo a misoxinia latexa detrás do que consideran valoracións neutrais. Autorreflexión por parte da propia sociedade, para que as nenas de hoxe queiran e créanse capaces de, e teñan posibilidades para, ser auténticas creadoras e xenias, tamén líderes dun grupo rock, directoras de orquestra, sonidistas ou directoras de cine se lles vén en gana. Autorreflexión dende os propios discursos culturais, para que desmonten, dende a radicalidade, as novas caras do sexismo que aniñan no seu interior e na súa contorna.

Turquía, no punto de mira

Ata o próximo 22 de xullo, data en que se celebrarán as eleccións lexislativas anticipadas, agardan tempos convulsos en Turquía. E o máis probable é que os comicios confirmen a vitoria do Partido da Xustiza e o Desenvolvemento, o AKP, reforzando mesmamente a súa actual maioría. A crise actual, orixinada polos receos que suscita a candidatura presidencial do islamita Abdullah Gül, actual ministro de exteriores, entre os militares, recibirá así un novo impulso. A inxerencia castrense no devir político, de claro signo prooccidental pero autoritario, contrasta coa aposta do AKP pola elección directa e democrática do Presidente do país, restando poder e lexitimidade ao factor militar. Nin é descartable un golpe nin tampouco a existencia dunha "axenda oculta" dos islamitas para radicalizar a súa política unha vez que controlen tamén a presidencia. Demasiados riscos para un país de tanta importancia xeopolítica e estratéxica. Por iso, alén dos procesos electorais, cabe imaxinar que dentro e fóra se multipliquen as xestións para evitar unha deriva incontrolable. O pragmatismo de Erdogan é o principal aliado da UE, sempre indecisa e dividida respecto ao futuro da adhesión, proceso dificilmente salvable de truncarse a normalidade democrática. A lección de Alxeria impón outro rumbo.

Editorial publicado na edición impresa de TEMPOS Novos (nº 120, maio de 2007)


5/5 (2 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: