Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Municipais07

Xestionado por Vieiros
RSS de Municipais07
MUNICIPAIS07

"Para facer oposición, ao PP dálle igual a Pantoja ou Chano Rodríguez"

Nos oitenta Chano Rodríguez militaba no GRAPO. A súa vida cambiou radicalmente e reinseriuse de maneira exemplar en Vigo. A pesar do indulto, a Xunta Electoral non lle permitiu presentarse nunha lista.

Fernando Arrizado - 13:08 22/05/2007

Santiago Rodríguez Veloso, 'Chano' (Cadiz, 28 de febreiro de 1957) é un dos deportistas con máis éxitos do panorama nacional e internacional. Entre outros logros, no seu palmarés figuran oito medallas de ouro olímpicas. Ademais, é un recoñecido persoeiro na cidade de Vigo. De feito, en 2001 foi elixido Vigués Distinguido polo seu labor de concienciación social e como exemplo de superación.

Porén, 'Chano' Rodríguez non sempre foi exemplar. Nos anos oitenta foi militante do GRAPO (Grupos de Resistencia Antifascista Primeiro de Outubro). O 5 de setembro de 1984, o presidente da Confederación de Empresarios de Sevilla, Rafael Padura era asasinado. 'Chano' Rodríguez foi acusado polo crime e condenado en 1985 a 84 anos de cárcere.

En 1990 comezou unha folga de fame, que durou 432 días, para pedir o reagrupamento dos presos do GRAPO. Como consecuencia do xexún, ficou prostrado nunha cadeira de rodas. Así como Saulo cando caeu do cabalo, en 1994 'Chano' sae en liberdade condicional e inicia unha nova vida centrado no deporte.

O pasado 27 de abril recibiu o indulto do goberno español, tras ser solicitado en numerosas ocasións, mesmo de forma oficial en 2003, pola corporación municipal do Concello de Vigo, da que formaban parte BNG, PSdeG, PPdeG e ProVi (agora, Partido Galeguista). Tres días despois a Xunta Electoral de zona de Vigo comunicáballe que non podía formar parte da lista do BNG, na que ocupaba o número sete, por non cumprir todas as condicións impostas polo indulto.

Como valora a concesión do indulto e a posterior decisión da Xunta Electoral de zona de Vigo de impedirlle concorrer na lista do BNG ás municipais do 27 de maio?

A vida é así, hai que tomala como vén. Realmente non dependía de min nin do BNG. O importante é que vou seguir a traballar igual a prol do proxecto de Santi Domínguez (Santiago Domínguez, candidato á alcaldía de Vigo). Para min non é unha cuestión tan importante, non é unha cuestión física de ir na lista, o importante é o proxecto.

En que propostas traballa vostede?
A min convenceume o programa que se elaborou a nivel social. En principio, Santi quería contar comigo non tanto polo tema do deporte, senón, sobre todo, polas cuestións de sensibilidade, de adaptación do entorno ás persoas con mobilidade reducida, polos temas de transporte...

E como anda Vigo nese aspecto?

Vigo anda mal, bastante mal. Cómpre mellorar moitas cousas, aínda que tamén hai que ter en conta que a orografía da cidade, con moitas costas, é un condicionante a ter en conta. Eu coido que o máis importante é o traballo de concienciación dos máis pequenos, en todos os asuntos relacionados coa sensibilidade e a integración dos discapacitados, dende a gardería e dende a escola.

Non son partidario de crear departamentos específicos que se encarguen deste tema, haino que tratar como un asunto normal, do que ademais non estamos libres ningún. Cando chegamos a vellos temos problemas de mobilidade, ou cando vamos co carro da compra ou mesmo se rompes unha perna e vas con muletas; todos necesitamos que mellore a adaptabilidade das cidades.

Volvendo ao tema do indulto e da decisión da Xunta Electoral, agardaban vostedes este resultado? Sabían algo de antemán?

A verdade é que non. Todo xurdiu de súbito o venres. O indulto estaba condicionado a que cumprise coa indemnización (de 900 euros), mais non se estabelecía un prazo para facela efectiva. Nun primeiro momento pensouse en recorrer a decisión, que por certo estabamos seguros de que se nos ía dar a razón, mais finalmente decidiuse non facelo porque, dende un primeiro momento, Santi quixo que a campaña electoral fose tranquila, sen enfrontamentos nin hostilidade. Non queriamos que o contencioso desvíase a atención, como fan outros co AVE que vai vir ou o parque da auga que non se sabe nin como o van facer...

Estivo vostede de acordo coa actitude do BNG?
Por suposto. De feito o máis radical, entre comiñas, neste senso era Santi, que estaba disposto a chegar até o final. Mais o importante son as propostas, que como dicía antes, non están feitas sen un estudo de viabilidade económico previo. Antes de que Santi presentase "O noso taxi", o servizo para facilitarlles os desprazamentos ás persoas con discapacidade, primeiro elaborou un informe especificando como se ía pagar...

Xa fala vostede como un político...
(Risas) A verdade é que eu, como case que todo o mundo, antes de entrar na política era moi escéptico cos políticos. Nestas datas, coa campaña electoral, todo o mundo é a dar e a arranxar. Mais eu se son sincero, teño unha ilusión moi grande, como hai anos que non tiña. Gustaríame que aquí houbese as oportunidades que hai noutros países para que os mozos practiquen deporte, sen pasaren frío nin calor. Gastamos moitos cartos en equipos profesionais, cando investir nun neno é moito máis produtivo, máis agradecido.

É vostede militante do BNG?
Non son, non.

Mais, supoño que fóra do que é o programa social de Santi Domínguez, vostede compartirá, polo menos nos temas máis importantes, a ideoloxía do BNG, a ideoloxía do nacionalismo, non si?
Son home de esquerdas. Comparto a maioría das cousas, e hai outras que non. Comparto a idea que de Galiza ten o BNG, como un país cun grande potencial económico por desenvolver. Economicamente, somos fabulosos. Eu que viaxo moito por aí doume de conta do que temos. Cando estiven na Arxentina vin un país tan rico, tan rico e no entanto era pobre. En Galiza pasa o mesmo, e o nacionalismo é a mellor opción para lle sacar partido aos nosos recursos.

O pasado 28 de febreiro, cumpría vostede 50 anos. Neste medio século de vida houbo luces e sombras...
A miña vida foi complexa dende moi cedo. Aos 16 anos marchei para Sudáfrica ... Evidentemente houbo altibaixos. A vida non é unha recta. O outro día xa declaraba no Faro de Vigo o que sentía, que se tiña que pedir perdón a familia (de Rafael Padura), pedíao. Se puidese borrar uns anos da miña vida, un ano en concreto, con todo o que iso leva consigo... Eu sinto moito ese dano, e se algún día se puidese falar...

Nalgunha outra entrevista ten manifestado que "ás persoas hainas que xulgar pola súa traxectoria"...

E reafírmome. Entre os anos 1984 e 1985 estiven no GRAPO, e asumo a miña responsabilidade de todo o acontecido nesa época; non é cuestión de "eu fixen isto, isto non o fixen". A semana pasada estiven en Manchester (Inglaterra) para recoller o Premio Internacional á Deportividade. Son o primeiro deportista español, paralímpico e non paralímpico, que recibe este galardón, e ningún medio falou disto. Sei que teño ese hándicap, esa cruz, e por un lado enténdoo, pero por outro, non. Mesmo a ministra de Ciencia envioume unha felicitación oficial.

Neste país aínda fica moito por aprender neste asunto. Nalgún foro de internet, hai xente que di cousas como que me había que matar pouco a pouco, mais tamén hai cousas boas: o outro día un señor escribiu que "a Transición foi un indulto xeneralizado". Cumprín a miña condena, e o que é máis importante, non manteño a mesma actitude; hai 14 ou 15 anos que estou noutra onda. Se fose doutro xeito, todo sería diferente.

De que xeito inflúe a famosa "crispación" da política estatal neste asunto?
Certos políticos, concretamente os do PP, utilizan calquera tema para facer oposición dende que perderon as eleccións xerais de 2004. Dálles igual que sexa a Pantoja ou 'Chano' Rodriguez. Porén, sempre recibín o apoio do PPdeG.

O seu indulto facilitaralle os seus desprazamentos cando teña que competir no estranxeiro, non si?

Nunca me puxeron impedimentos. Só tiña que cumprir cun trámite administrativo na Audiencia Nacional. Teño que agardar a coñecer exactamente as condicións do meu indulto, porque polo que sei poderían ser moi difíciles de cumprir.

Máis alá do pago de indemnizacións, dos 900 euros pendentes... ?

Si, mais prefiro non falar deste asunto até coñecer exactamente o contido da resolución.

Vostede falou de foros de internet. O outro día alguén escribía sobre esta polémica que "se consegue medallas, é un bo español e está recuperado, se quere exercer os seus dereitos como cidadán, é un terrorista"...

Concordo absolutamente. As miñas medallas nas olimpíadas de Sidney e Atenas fixeron subir a España no medalleiro; se non fose por elas, non estaría nun posto tan alto. Porén, as miñas medallas cobran valor cando estou cos rapaces, e tamén cos que non son rapaces. Para min non tería senso ningún telas expostas nunha vitrina. Gústame transmitirlle á xente que o sacrificio, tantas horas de adestramento na auga, ten a súa recompensa, e que ir en cadeira de rodas non é un impedimento.

Son os cidadáns con discapacidade, cidadáns de segunda?
Somos. Eu tamén pago os meus impostos, no entanto cando veñen amigos meus, e quero, por exemplo, levalos ao monte de Santa Tegra, eu non podo subir, e obríganme a pagar un euro; evidentemente, non é polo euro, mais négome a pagar se non podo gozar de todos os servizos dos que gozan os demais. Existen un milleiro de ordenanzas municipais, mais o problema é que non se cumpren nin se fan cumprir.

Gústalle este termo, persoas con "discapacidade", ou prefire outro novo que se está a utilizar, persoas con "diversidade funcional"?
A min danme igual as palabras. Prefiro que me chamen coxo ou o que sexa e que se cumpra a lei.

Como é a situación en Galiza respecto ás persoas con discapacidae ou diversidade funcional, en comparación con outros países europeos?
En todo o que se refire a temas sociais aínda estamos en cueiros. Por exemplo, vas a Francia ou a Australia, e todo o mundo respecta as prazas de aparcamento para persoas con mobilidade reducida. Pode haber coches subidos nas beirarrúas, mais ningún ocupando ilegalmente unha praza reservada. Hai outra conciencia e tamén as multas son moito máis altas. Por non falar de países como Inglaterra ou os EUA, onde naceu o movemento paralímpico, e que malia outros problemas que teñen, están moi concienciados.


4,62/5 (21 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: