Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Galego.org

Xestionado por Vieiros
RSS de Galego.org
Xosé Lastra, presidente de Nova Escola Galega

"Sen galego non hai Galiza"

A organización realiza unha valoración crítica do Decreto de normalización lingüística para o ensino que prepara o Goberno.

Redacción - 11:15 19/05/2007
Presentación este venres, na Galería Sargadelos de Compostela

Presentación este venres, na Galería Sargadelos de Compostela

O presidente de Nova Escola Galega, Xosé Lastra, e o responsábel de comunicación da organización, Xosé Manuel Malheiro, presentaron este venres na Galería Sargadelos de Compostela o novo número do seu boletín de opinión, que nesta edición se centra na situación da lingua galega no ensino, así como na análise do Decreto normalizador que prepara o Goberno.

Segundo lembraron, os resultados dos estudos máis recentes ratifican "o fracaso evidente da escola como axente normalizador" da lingua. Ademais, respecto ao Decreto de normalización, botan en falta no proxecto medidas que "favorezan o avance e a consolidación dos proxectos lingüísticos dos centros educativos". "Descansar só na boa vontade pode supoñer que o avance dun curso sexa retroceso no seguinte", sinalaron.

Nova Escola Galega considera que para dar resposta axeitada á situación actual, "analizada dende unha perspectiva global, e tomando en conta os indicadores da evolución sociolingüística dos últimos anos", serían necesarias medidas moito máis "avanzadas e decididas", non só no eido do ensino," para conseguir "colectivamente" a reversión da tendencia á "substitución lingüística" en Galiza.

Cumprimento e control do Decreto

Ademais, critican que as disposicións recollidas no Decreto aínda en vigor, "non tan diferentes das propostas", nunca foron cumpridas de xeito efectivo. "Se esta nova proposta constitúe un avance significativo, só se vai poder saber se realmente hai unha vontade de cumprimento e control sobre as medidas recollidas", sinalan, e ao respecto engaden que isto foi "xustamente o que non existiu nos doce anos que pasaron dende a publicación do Decreto vixente".

Por último, amosan a súa preocupación por que entre os aspectos xerais considerados no Plan Xeral de Normalización Lingüística da Lingua Galega, aprobado en 2004, e a normativa proposta existe un "enorme baleiro", "sen prazos nin concreción", e para o que "non se ofrecen vías de progresión nin garantías de consolidación dos proxectos".


3,78/5 (9 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: