Na primeira semana do xuízo pola súa posíbel dopaxe, Floyd Landis mantense inflexíbel no seu discurso. Mentres, Pereiro fica nun segundo plano, á espera da decisión final.
Mentres, durante toda a semana o norteamericano xustificaba o seu positivo en erros do laboratorio francés Chatenay-Malabry, que fixo todas as probas anti-dopaxe do Tour 2006, analistas do laboratorio enfrontábanse á súa inflexíbel equipa de avogados.
Acusado durante o xuízo de incompetencia polo ciclista norteamericano, o laboratorio galo, por medios dos seus representantes e técnicos, negou unha e outra vez as acusacións dos avogados de Landis, que tentaban demostrar que houbo "erros de procedemento" na manipulación das probas contra o seu defendido, a través do mal emprego da máquina encargada de realizar os controis sobre as mostras tomadas a Floyd Landis, que foi, segundo os defensores, mal calibrada.
Mais na cuarta xornada do xuízo, nesta quinta feira, o laboratorio galo recoñeceu erros nas probas feitas coa mostra tomada a Floyd Landis. Dúas das analistas do Chatenay-Malabry compareceron ante a audiencia pública que está a xulgar ao ciclista norteamericano e unha delas confesou ter cometido erros na análise das mostras facilitadas por Landis, no control anti-dopaxe do Tour do pasado ano.
O testemuño desta especialista do laboratorio francés coñeceuse na xornada da cuarta feira, ante o tribunal da Audiencia Americana de Arbitraxe (AAA), que debe decidir se Landis é culpábel ou non de dopaxe.
O laboratorio francés confesa ter cometido erros nas análises
Xa tiña declarado, no segundo e terceiro día do xuízo, unha técnica do laboratorio Chatenay-Malabry, Cynthia Mongongu, quen asegurara unha e outra vez -logo de mudar de intérprete ao producírense erros na tradución- que durante o seu traballo coas mostras de Landis non se tiñan borrado datos importantes, tal como a acusaba a defensa do ciclista, senón que os rexistros foron tratados coa máxima profesionalidade.
Mais na quinta, unha outra analista do laboratorio galo, Claire Frelat, revelou que "en ocasións se cometeron erros" no procedemento para a manipulación das mostras. Interrogada por Maurice Suh, avogado de Landis, Frelat -quen efectuou a análise da mostra B tomada despois da 17 etapa do Tour-, explicou que "ás veces esquecían algunhas operacións", o que obrigaba a deter os análises e volver comezar.
Tras unha longa comparecencia, dando complexas explicacións dos procedementos seguidos na análise das mostras do ciclista, a técnico frances non deixou claro se os erros puideron ter consecuencias sobre os resultados finais da análise.
Landis continúa a negar a dopaxe e Pereiro cansa de agardar polo Tour
O ciclista norteamericano asegurou, dende un comezo, non ter tomado testosterona, feito polo que está acusado, e durante toda a semana, no xuízo que está a ter lugar en Malibú, na Universidade de Pepperdine, amosouse moi tranquilo ao se sentir, nas súas palabras, apoiado por unha "boa equipa de avogados que están a facer un gran traballo".
Landis só agarda que os xuíces "sexan xustos" nunha sentenza que se coñecerá o vindeiro día 23 de maio, após a lectura das dúas partes e a avalición de tres expertos, designados polo Comité Anti Dopaxe dos USA (USADA).
No caso de ser acusado de dopaxe, Landis sería desposuído do seu título de Campión do Tour de Francia 2006, que pasaría directamente a mans do galego Óscar Pereiro, e quedaría suspendido por dous anos.
Mais Pereiro lamenta, nunha entrevista concedida ao diario Marca, non ter podido celebrar o título no seu momento. O galego asegura estar xa farto de agardar por un título que non chega e que gostaba de ter celebrado no seu momento, cos amigos e sobre o podio dos Campos Elíseos, bañado en champaña, e non case un ano despois.
O ciclista, que dende o escándalo do Tour se mantivo sempre nun segundo plano, asegura estar canso de agardar pola decisión final e di sentirse un pouco gañador, sobre todo polo apoio recibido polo público e pola prensa estatal, mais prefire agardar a coñecer os resultados do xuízo de Landis e a decisión final do comité do Tour para sentirse gañador de todo.