Un laboratorio francés comprobará se a testosterona detectada nos ouriños do corredor é de orixe exóxeno.
Segundo informa a axencia Efe, o laboratorio antidopaxe francés de Châtenay-Malabry recibiu autorización da Axencia Antidopaxe dos Estados Unidos para analizar todas as mostras de urina de Floyd Landis recollidas durante a última edición do Tour de Francia.
Con estas novas análises, ás que se opoñen os avogados do corredor, tentarase comprobar se a testosterona detectada nunha das mostras do primeiro clasificado na proba é de orixe exóxeno. Até o momento, non se volveran a estudar cinco das mostras recollidas logo da tirada na que Landis deu positivo.
Espérase que os resultados se coñezan antes do próximo 14 de maio, data na que o ciclista terá que comparecer ante os xuíces da Axencia Antidopaxe dos EUA, que poderían ditar unha sentenza de até dous anos de suspensión para o estadounidense.
Deste xeito, de confirmarse o positivo con estas novas análises, o galego Óscar Pereiro podería ser proclamado finalmente vencedor da edición da rolda gala do 2006.