Vieiros

Vieiros de meu Perfil


GZ-Deportiva

Xestionado por Vieiros
RSS de GZ-Deportiva
[CICLISMO]

O caso Landis estimula a reorganización da xestión do ciclismo

Redución da distancia das probas, revisión da estrutura do calendario, deseño de equipos máis pequenos, aumento da loita contra a dopaxe, control máis estreito das probas por parte das federacións... Son algunhas das posibilidades que desde diversos sectores se veñen poñendo na mesa cara a posibilidade de modificar o escenario ciclista e que gañan protagonismo ao fío da actualidade recente despois do positivo de Floyd Landis, recente gañador do Tour. O presidente da Federación Italiana de Ciclismo, fixo pública unha carta ao presidente da Unión Ciclista Internacional onde lle pide acelerar o debate, advertindo que o sistema actual "non funciona".

- 09:25 03/08/2006
Tags:

"Pídoche que te deteñas e reflexiones. Faille a un lado á ríxida posición asumida pola UCI e loita por acabar coa conflitividade que existe entre as diversas partes que actúan no mundo do ciclismo", escribe Renato Di Rocco, presidente da Federación Italiana de Ciclismo.

Di Rocco opina que o sistema establecido para o funcionamento do ciclismo profesional "non funciona" e critica que a Unión Ciclista Internacional delega en exceso en grupos alleos ao organismo con fortes intereses económicos a "delicada función" da xestión das carreiras ciclistas. O voceiro do ciclismo italiano refírese á bicicleta como un "xeito de vida" con moitas potencialidades aínda por explorar, vencelladas á súa estreita relación cun estilo vital baseado en valores ecolóxicos e de saúde, crecentemente apoiados na sociedade. "Se non temos éxito en profundizar nesas potencialidades é só culpa nosa", advirte.

Consenso das federacións máis fortes
Lembrámoslles que reunidos en París coincidindo coa que foi a última tirada do Tour 2006, e nun momento onde o optimismo era moito, logo dunha carreira caracterizada pola recuperación da combatividade e a volta da atención dos seareiros, os presidentes das federacións italiana, francesa e española, as máis significativas do escenario ciclista, pediran nun comunicado conxunto o establecemento "un novo sistema xusto e consensuado para o interese do ciclismo en xeral, que substitúa o UCI ProTour".

"Constatando o fracaso do UCI ProTour e as graves consecuencias da súa posta en práctica, tanto para os equipos como para as probas excluídas deste sistema pechado, e co desacougo polos novos riscos, facemos un chamamento á responsabilidade de todos os actores do ciclismo profesional para que contribúan á elaboración dun novo sistema xusto e consensuado baixo o amparo da UCI e en favor da interese xeral do ciclismo", recolle o documento. Os tres mandatarios insisten na capacidade do ciclismo para afrontar os desafíos e explotar "o seu enorme potencial como deporte planetario".


Ligazóns

0/5 (0 votos)