Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
"Cómpre priorizar as actuacións"

A Xunta asume que hai que "optimizar" os fondos da UE

O secretario xeral de Relacións Exteriores advirte que os 5.000 millóns recibidos de Bruxelas para o período 2007-2013 poden ser os últimos. Agora, "o noso petróleo son os cerebros galegos".

Redacción - 11:00 14/05/2007
Santiago Gómez-Reino (esquerda) co director xeral de Investigación da Comisión Europea, José Manuel Silva

Santiago Gómez-Reino (esquerda) co director xeral de Investigación da Comisión Europea, José Manuel Silva

O secretario xeral de Relacións Exteriores da Xunta, Santiago Gómez-Reino, advertiu este domingo de que haberá que optimizar os máis de 5.000 millóns de euros de fondos comunitarios que recibirá Galiza no período 2007-2013, porque despois cómpre pensar "nun futuro sen demasiadas axudas".

En declaracións á Radio Galega, Gómez-Reino indicou que entre 2007 e 2013 hai que sacar "o máximo proveito" dos fondos europeos, "facer as cousas ben, priorizar as actuacións". "O verdadeiro petróleo que temos son os cerebros dos galegos", recordou para remarcar a importancia da formación.

Final dun ciclo

Así, lembrou que a recente integración de 12 novos países á Unión Europea "fixo que a media comunitaria de infradesenvolvemento se elevase bastante". "En Galiza estamos a chegar ao final dun ciclo; está xa por riba do 80% da media comunitaria, chegando ao limiar das rexións ricas en termos macroeconómicos", sinalou.

Ademais, con motivo da organización da Semana de Europa en Galiza, o director xeral criticou "o pouco interese" dos medios de comunicación polos temas europeos, algo que lle sorprende tendo en conta que "en 2013 o noso país recibiría 15.000 millóns de euros, unha cifra enorme e aquí ninguén mostra o máis mínimo recoñecemento de semellante maná".

Colaboración Galiza-Norte de Portugal

Santiago Gómez-Reino referiuse tamén á colaboración entre Galiza e Norte de Portugal, e salientou que unha nova lei da UE sobre as asociacións europeas de cooperación territorial permitirá constituír asociacións con personalidade propia para facer proxectos en conxunto, e facilitará a colaboración entre ambas as dúas beiras do Miño.


5/5 (1 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: