O vicepresidente, Anxo Quintana, cualifica de "pioneira" a nova norma contra os malos tratos e destaca que foi consultada e consensuada con ducias de colectivos e institucións.
Entre outros, prevese a posta en marcha dun Centro de Recuperación Integral que lle ofrecerá ás vítimas de malos tratos atención e información integral sobre os recursos ao seu alcance. E destacan moi especialmente as iniciativas de protección económica, coa fin de garantir a independencia económica das vítimas respecto dos seus agresores. Xa que logo, o salario da liberdade quedará "garantido por lei". Ademais, Vicepresidencia creará un fondo de garantía a favor das mulleres que sofren malos tratos, para cubrir o impago das indemnizacións establecidas xudicialmente. Tamén se lles facilitará o acceso á Renda de Integración Social de Galiza, Risga, e a súa inclusión con carácter preferente en todos os programas de formación e inserción laboral.
O borrador que este xoves chega ao Consello da Xunta para a súa aprobación é resultado dun longo proceso participativo. Desde a Vicepresidencia salientan a implicación no proceso de ducias de asociacións, entidades e institucións relacionadas dun ou doutro xeito coa loita contra a violencia de xénero en Galiza. A Secretaría Xeral da Igualdade tivo encontros con máis de sesenta colectivos desde que comezou o proceso de redacción desta lei para a prevención e tratamento integral da violencia de xénero.
O executivo destaca a clara aposta pola prevención e subliña que a norma servirá para loitar contra a violencia de xénero "desde unha perspectiva integral" e a través de medidas específicas de loita contra os malos tratos. O texto promete ser ambicioso na formación de todos os profesionais que traballan directa ou indirectamente en ámbitos relacionados coa violencia contra as mulleres, con deseño de programas específicos que estarán a disposición de calquera organismo e da sociedade civil en xeral para a súa aplicación.