Igualdade, emprego de calidade, loita contra os recortes na protección social. Son reivindicacións que aparecen este martes nos cartaces das mobilizacións dos traballadores. Falamos cos líderes de cada unha das principais formacións sindicais.
En novembro pasado, un ano despois da sinatura da declaración institucional que abriu o proceso de diálogo cara ao Acordo Galego polo Emprego, a Confederación Intersindical Galega decidía deixar a mesa de negociacións. Laiábanse desde a CIG de que o proceso estaba resultando decepcionante, criticando a visión optimista das outras dúas formacións sindicais maioritarias.
Este 1 de maio, unha vez máis os tres colectivos irán por separado na mobilización en favor dos dereitos dos traballadores. Dunha beira, UXT e CCOO consensuaron un mesmo lema, "Pola Igualdade. Emprego de Calidade". Por outra parte, a CIG acode en solitario atrás do cartaz "Contra os recortes no sistema de protección social".
Vieiros falou cos líderes das tres formacións. Dúas preguntas na mesa: a primeira sobre o balance dese proceso que tratou de xuntar a Xunta, patronal e sindicatos; a segunda sobre os desafíos prioritarios a curto prazo.
Xosé Antón Gómez, secretario xeral de UXT-Galicia
"Tanto UXT como CCOO tivemos papel impulsor no lanzamento destas medidas de calidade nos acordos importantes asinados tanto en Galiza como no Estado. Facemos unha valoración positiva. Cremos que estamos nun momento de avances sociais. Dotámonos dun novo marco de relacións laborais que pensamos que pode mudar moito o modelo anterior baseado na precariedade e os baixos salarios. Somos tamén optimistas porque estamos nun momento de forte creación de emprego e sen dúbida nun contexto econñómico favorábel".
"Neste Primeiro de Maio demandamos que é necesario mudar o modelo produtivo actual, porque cremos necesario que deixe de estar baseado no consumo e na construción. É un modelo débil para manter o crecemento económico no tempo. Pedimos que medren os salarios e que o empresariado invista en innovación e en formación e por outra parte que o goberno lidere o cambio de modelo produtivo, impulsando políticas industriais".
(...) Escoita a entrevista completa con Xosé Antón Gómez