Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Manifestación o próximo 6 de maio

Cara á concentración en demanda de políticas urbanísticas sustentábeis

Vinte asociacións protagonizarán o primeiro domingo de maio unha manifestación en contra do proceso de “cementación de Galiza”.

Redacción - 12:23 28/04/2007
A Serra do Courel é un espazo ameazado polas canteiras. / Foto: FreeCat

A Serra do Courel é un espazo ameazado polas canteiras. / Foto: FreeCat

Santiago acollerá o próximo domingo 6 de maio unha manifestación en demanda de políticas urbanísticas sustentábeis. O colectivo Fusquenlla (Eume) encabezará a convocatoria na que participarán até vinte asociacións e agrupacións sociais. Farase así un chamamento á cidadanía para que amose “a repulsa pola degradación do territorio, un feito que ameaza a propia identidade de Galiza”.

A pouco máis dunha semana para a celebración da concentración, Fusquenlla xa deu a coñecer o manifesto do acto. Nel, denúncianse situacións como a construción de piscifactorías ou as canteiras que ameazan paraxes do Courel ou da Terra Chá. Tamén se fai mención á destrución do patrimonio arquitectónico, á desaparición de espazos públicos e á edificación masiva

Manifesto contra a desfeita urbanística

A situación do territorio galego é  catastrófica. Por unha banda, o factor agrícola e gandeiro desaparece literalmente da superficie do País e, pola outra, un urbanismo disparatado, unha forestación masiva e mercantilista e unha predación sen taxa nin medida dos xacementos xeolóxicos está a mudar o rostro de Galicia para mal e ao servizo só duns poucos.

Ata o de agora, unidos os intereses dos especuladores cos intereses da administración autonómica e municipal indisolubelmente, lanzouse unha carreira en persecución do lucro inmediato cuxa meta parece ser a destrución dos valores (que o son tamén económicos) da nosa paisaxe e da nosa herdanza natural, así en terra como en mar.

Pensamos que a situación actual esixe un golpe de leme para mudar este rumo que conduce á catástrofe  no que ao medio ambiente se refire. E esa mudanza, de natureza política, debe ter en conta os intereses da maioría da poboación que desexa un País ordenado, racionalizado e próspero. O tempo da permisividade unida á corrupción nos concellos e na Xunta ten que rematar e todos temos que acelerar ese final.

Pensamos que a actual Xunta de Galicia e que os concellos que saian das vindeiras eleccións  deberán coordinar os seus esforzos. E non só iso: a lexislación deberá modificarse e os poderes centrais de Galicia están chamados a elaborar un PLAN DIRECTOR DE ORDENACIÓN DO TERRITORIO, naturalmente discutido e consensuado polas organizacións sociais e núcleos de opinión. Esta participación das multitudes na elaboración de tal Plan Director constituirá a garantía de que sexa plenamente democrático. Ora ben, sen planificación central e democrática da ordenación territorial o caos perpetuaríase.

Desde A Guarda a Ribadeo, desde O Caurel á Terra Cha, un terremoto de especulación e depredación da terra e do mar está destruíndo a nosa natureza, a nosa paisaxe e a nosa forma de vida. Está destruíndo, polo tanto, a propia identidade de Galicia. Soou a hora de que digamos: ABONDA!

A mobilización do 6 de maio en Compostela ten que significar unha grande xornada de esperanza e unha chamada á Xunta de Galicia e as administracións locais para que exerza realmente o poder de que dispoñen para frear esta vaga de degradación e dilapidación do noso patrimonio sen se deixar intimidar polas forzas poderosas do diñeiro e da cobiza.


4,71/5 (7 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: