A semana pasada tivo lugar unha asemblea de delegadas das conserveiras de Vigo na que fixeron pública a impugnación do convenio por contidos homófobos e machistas.
O Convenio estatal da Conserva foi asinado en setembro pola FEICOPESCA (Federación Española de Asociacións de Industrias de Transformación e Comercialización de Produtos da Pesca e a Acuicultura) e os sindicatos UXT e CCOO, e publicado no BOE o 3 de febreiro. A Federación Galega de Alimentación, Mar, Transporte, Telecomunicacións e Téxtil (FGAMT) e máis a CIG presentou o 30 de marzo un recurso perante a Audiencia Nacional, unha demanda de impugnación de convenio contra a patronal e os dous sindicatos asinantes.
A impugnación diríxese contra tres apartados: o artigo 7.1. prevé que as traballadoras eventuais pasen a ser fixas descontinuas cando leven traballado un mínimo de 225 días durante tres anos consecutivos ou cinco alternos. Dende a CIG salientaron que “isto empeora as condicións fixadas polo Estatuto dos Traballadores/as, polo que reclamamos a súa anulación”. Por outra banda, os artigos 8 e 9 deste convenio recoñecen como dous grupos laborais diferentes o de operario de oficios varios e o de fabricación. No primeiro inclúense os homes, e no segundo as tarefas das mulleres. Coa mesma categoría páganse distintos salarios en función da categoría, nun sector no que o 95% dos traballadores son mulleres. Como indicou Fernández Piñeiro “a unha muller coa máxima categoría dentro do grupo de fabricación recoñéceselle un salario inferior ao dun home coa categoría máis baixa dentro de oficios varios”, o que fai visíbel a discriminación de xénero."
Ademais solicitan a eliminación do artigo 17, que regula as licenzas ou permisos en función dunha posíbel enfermidade da parella. O convenio realiza unha especificación que atenta contra a última reforma do Código Civil: cando se refire a cónxuxe di que debe interpretarse como parellas de distinto sexo que teñan unha relación de convivencia, co que realiza unha discriminación en función da orientación sexual manifesta, ao contradicir abertamente a lei.