As carreiras pola lingua comezarán o día 2 de maio en Fene e rematarán en Pontevedra o 16, e percorrerán 10 comarcas galegas baixo o lema Galegando.
O Correlingua 2007, que viaxará por dez vilas de dez comarcas do país, foi presentado esta corta feira. Preto de 40.000 rapaces e rapazas, procedentes da maioría dos centros educativos de toda Galiza, participarán na edición deste ano, segundo as previsións. A actividade vénse organizando de xeito regular desde o 2000.
Ademais, no acto de presentación entregáronse os premios dos concursos de Manifesto e Banda deseñada do Correlingua 2007, que recaeron no grupo de 3º da ESO do CPI de Ponte Carreira, en Frades, e no CEIP A Xunqueira I, de Pontevedra, respectivamente. O xurado tamén acordou outorgar unha mención especial ao grupo de 3º da ESO do IES Fonmiñá, da Pastoriza, ao grupo de 4º da ESO do CPI Cernadas, de Castro de Lousame, ao colectivo Os Grilleiros do CPI de Pontecesures, e ao CEIP O Piñeiriño, de Vilagarcía, este último en Banda deseñada.
Cómpre salientar que foron máis de 500 centros os participantes en ambos os dous concursos, premiados coa participación no programa Coñece Galiza da Dirección Xeral de Xuventude da Vicepresidencia, no caso do alumnado de Secundaria, e unha saída dun día para o de Primaria e Infantil.
"Asumir o que somos"
Galegando foi o lema escollido para a presente edición. Para os organizadores, 'galegar' "é un xeito de actuar na vida, defendendo e asumindo o que somos como galegos e galegas".
'Correlingua' é a denominación que adoptaron de maneira común as diversas carreiras a prol do idioma que se convocan no país. É unha proposta de carácter lúdico-educativo que pretende convidar á mocidade e aos centros de ensino a participar nun acto público de reivindicación do dereito a medrar en galego e, tamén, a exercer de xeito efectivo como tal a través do uso do noso idioma, única forma de garantir o seu futuro.
O Correlingua está organizado pola Asociación Socio-Pedagóxica Galega (AS-PG), a Confederación Intersindical Galega-Ensino (CIG-Ensino), a Mesa pola Normalización Lingüística, e os Concellos de Lugo, Pontevedra, Santiago e Vigo.
Colaboración do 'Xabarín Club'
Conta ademais coa colaboración da Vicepresidencia do Goberno Galego, as consellarías de Cultura e de Industria, a Secretaría xeral de Política Lingüística e a Dirección Xeral de Xuventude, ademais dos diferentes concellos das comarcas onde se desenvolven as actividades, ás que se suma a Rede Galega de Escolas Infantís Galescolas.
Tamén colabora co Correlingua o programa da TVG Xabarín Club, que, en colaboración coa Consellaría de Industria a través do Xacobeo, desenvolverá a festa final na que actuará o propio Xabarín, e se desenvolverán os espectáculos teatrais dos Tonechos, de Ppablo e os Ghazafellos ou do Grupo Chévere.
Calendario