Trinta persoas levarán por relevos unha bandeira branca polas rúas da capital arousá.
Logotipo da fundación
Unha bandeira branca simbolizará a loita da sociedade galega contra as drogas e o narcotráfico. Trinta persoas representarán todo o país nunha marcha que vai ter lugar o 4 de maio en Vilagarcía de Arousa. O acto abrirá a segunda edición da campaña Panos brancos contra a droga, convocada pola Fundación Galega contra o Narcotráfico.
Do 4 ao 11 de maio, colectivos sociais, entidades e institucións desenvolverán unha serie de actividades para amosar o seu rexeitamento ao narcotráfico. O mediodía da primeira xornada abriranse os actos na Praza de Galicia, cunha concentración mentres repenican as campás das igrexas e soan as sirenas dos barcos.
Logo lerase o manifesto da campaña e comezará a marcha polas principais rúas da vila arousá. Os abandeirados levarán por relevos o pano branco contra a droga. A fundación convocante fixo un chamamento a toda a sociedade arousá e galega para que exhiba bandeiras ou panos brancos durante esa xornada como mostra da súa repulsa contra o narcotráfico.