Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Galego.org

Xestionado por Vieiros
RSS de Galego.org
Os materiais do Atlas estarán en liña

Un convenio con Industria porá na rede o traballo do ILG

A Consellería de Innovación e Industria achegará 90.000 euros para a dixitalización e informatización dos materiais lingüísticos do Instituto da Lingua Galega e a difusión a través da rede dos resultados.

Redacción - 17:14 19/04/2007

Esta mañá ambas as dúas partes asinaron un convenio de colaboración para realizaren distintas actividades para o impulso, a conservación e a difusión do coñecemento científico sobre a nosa realidade lingüística a través das tecnoloxías da Sociedade da Información e o Coñecemento.

Con este apoio desenvolveranse recursos en soporte dixital dos materiais lingüísticos do ILG e difundiranse a través da rede os resultados de investigación desenvolvidos. Serán dixitalizados os materiais de campo recollidos para a elaboración do Atlas Lingüístico de Galicia, o que garante a conservación de materiais dos que só se dispoñía no seu formato orixinal, o que corresponde aos traballos de campo realizados a partir de 1974 (debuxos, fotos, cadernos de papel, material sonoro...). A súa dixitalización, informatización e almacenamento non só garante que sexan conservados, senón que facilitará tamén a xestión interna da información.

Tamén se desenvolverá a páxina do ILG para a difusión dos resultados das investigacións que se desenvolvan no centro, co fin de informar a comunidade científica dos proxectos e de facilitar o acceso aos resultados. A mesma web poderá ser empregada polos membros do centro para accederen a fondos e recursos de uso restrinxido. Nesta web xa podiamos atopar algúns recursos, como o Tesouro Informatizado da Lingua Galega (TILG), A Nosa Fala, onde podemos descargar fragmentos sonoros das diferentes zonas dialectais, ou, o máis recente, a Cartografía dos Apelidos de Galicia.


5/5 (4 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: