O edil popular di que o antigo xefe de Estado español meréceo, porque foi el quen inaugurou o novo pobo despois da construción do encoro.
O alcalde de Portomarín (Lugo), Eloi Rodríguez, doo PP, defendeu este xoves que a rúa principal desta localidade se siga chamando General Franco e propugna que, en todo caso, se organice un "referendo" sobre o cambio de denominación.
Rodríguez, que leva 30 anos como rexedor e 37 na Corporación municipal, xustifica esta consulta pola "cantidade de xente afectada" e os gastos extras cos que deberían correr os veciños da devandita rúa, en todo o proceso administrativo.
"Débese de consultar"
"Eu creo que se debe consultar", reiterou o alcalde, que non opta á reelección nas eleccións municipais de maio. Rodríguez defende que permaneza o nome do ditador nesta rúa pois, segundo lembrou, foi Franco quen inaugurou o "novo pobo" cando se construíu o encoro, nos anos 70.
"Preocupouse ante Fenosa, e cando viu a situación de Portomarín foi o que dixo: fagamos unhas hortas familiares con rego para que esta xente teña, polo menos, de onde obter algo", sinalou o alcalde, e engadiu que "tamén fixo o Parador de Turismo para intentar atraer xente".
Parte da historia
O alcalde reivindicou que foi "unha data na historia, para ben ou para mal". "Eu non digo que a ditadura de Franco fose boa ou mala, mais eu cando entrei no concello xa estaba o nome aí", reafirmouse.
Eloi Rodríguez confesou que el sería un dos afectados por este cambio de nome, que pretende a oposición, dado que nesta se localiza a súa propia empresa, un almacén de abonos.