Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Un total de 16, en dous campos de refuxiados

Vivenda destina 107.029 euros a rehabilitar vivendas en Palestina

A conselleira, Teresa Táboas, salientou que se trata "do inicio dunha colaboración máis ampla, que amosa a solidariedade de Galiza cos refuxiados palestinos".

Redacción - 13:47 12/04/2007
Teresa Táboas

Teresa Táboas

A Consellería de Vivenda e Solo vai financiar a rehabilitación de 16 vivendas situadas nos campos de refuxiados de Jalazone e Amari en Palestina. Para levar a cabo esta actuación, a titular do departamento, Teresa Táboas, asinou este xoves un convenio de colaboración co Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade polo cal se compromete a achegar 99.000, o 92% do orzamento previsto, 107.029 euros.

O proxecto terá un prazo de execución de cinco meses. Concretamente, repararanse 12 vivendas no campo de refuxiados de Jalazone, e reconstruíranse catro no campo palestino de Amari. "Trátase de vivendas construídas nos anos 50 pola Axencia de Nacións Unidas para Refuxiados de Palestina, que hoxe en día se atopan en situación ruinosa", explicou Táboas.

En colaboración coa ONU

A actuación vai contar coa colaboración deste organismo da ONU, que está a elaborar un estudo para identificar e seleccionar as familias que se poderán beneficiar do proxecto. "Até o de agora o identificáronse 678 familias que requiren da reparación ou rehabilitación das súas vivendas de forma urxente".

Nese senso, Táboas salientou a "disposición total" da Consellería de Vivenda "para seguir colaborando con este proxecto nos campos de refuxiados de Palestina, tendo en conta o elevado número de familias que precisan rehabilitar as súas vivendas".

Segundo o convenio de colaboración, o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade será o encargado de levar a cabo os medios de control e supervisión, para que as obras de rehabilitación sexan realizadas de acordo co proxecto presentado pola consellaría.


5/5 (2 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: