Entregará o vindeiro luns 18 de abril 6.000 sinaturas de mestres contrarios ao cambio
O sindicato nacionalista considera que a proposta da consellaría de manter o horario escolar durante os meses de xuño e setembro é simple propaganda que busca desviar os problemas reais. O secretario nacional deste sindicato, Anxo Louzao, sinalou este martes que a ampliación de horarios, ademais de prexudicar o profesorado tamén repercutirá negativamente no alumnado.
A CIG defende que para conciliar a vida laboral e familiar o lóxico sería manter o servizo de comedor e que se garantiran as actividades extraescolares gratuítas e universais. O sindicato entende que a consellaría só busca aforrar no transporte escolar, que é o que condicionaría a xornada lectiva e non ao revés.
A organización vai entregar o vindeiro 16 de abril na consellaría máis de 6.000 sinaturas de profesores que se opoñen á reforma. O 18 de abril haberá concentracións nas sete cidades e na vila de Burela. Por último, a CIG vaise pór en contacto coas demais centrais sindicais para estudar a posibilidade de convocar unha folga se Educación segue adiante coa súa proposta.