As reviravoltas da OPA sobre Endesa teñen os seus efectos en Galiza, onde o grupo construtor Acciona pasa a controlar unha maioría de muíños de vento.
Arredor das tres cuartas partes do negocio do vento en Galiza pasarán a estar xestionadas polo xigante madrileño do ladrillo. Acciona, que xa dispoñía de parte de cota no noso país, accede agora ao control de arredor dun milleiro de megavatios en montes galegos que até o de agora controlaba Endesa.
Por outra parte, os alemás de E.ON conseguirán tamén faragulla en Galiza dentro da compensación polas voltas da negociación. Deste xeito, as partillas de Endesa adxudícanlles o control de Barras Eléctricas Galaico Asturianas, Begasa, con máis de cen mil clientes no contorno da provincia de Lugo, incluída no lote de Viesgo, a quinta operadora eléctrica a nivel estatal e que conta tamén con participación minoritaria de Unión Fenosa.
Desde a Xunta, as consellarías de Economía e Industria chamaban este martes á tranquilidade no sector enerxético, asegurando que non se verían comprometidos os proxectos galegos de Endesa. A preocupación fundamental durante o proceso fora a central térmica das Pontes e a regasificadora de Reganosa.