Galiza vai contar coa primeira planta de produción combinada de enerxía eléctrica e biocarburante do mundo. Touriño apoia a iniciativa.
O presidente do goberno, Emilio Pérez Touriño, manifestou este martes o apoio da Xunta ao proxecto de valorización de biomasa forestal mediante gasificación -pioneira a nivel mundial-, que o grupo Abengoa ten pensado implantar en Galiza, a través de XesGalicia.
O titular da Xunta mantivo unha xuntanza con Felipe Benjumea, responsábel do grupo, quen lle presentou o proxecto. Este contará cun investimento próximo aos 100 millóns de euros, e suporá a creación de entre 18 e 35 empregos directos e entre 145 e 280 indirectos.
Primeira planta no mundo
Galiza acollerá, deste xeito, a primeira planta de produción combinada de enerxía eléctrica e biocarburante no mundo, unha estratexia pioneira na valorización da biomasa pola súa capacidade e innovación.
Con esta iniciativa o país vaise converter en referente mundial nas tecnoloxías de produción de carburantes. Ademais, segundo as previsións de Abengoa, a emisión de CO² fósil reducirase en 2.000 millóns de toneladas por ano, e permitirá valorizar anualmente 87.500 toneladas de biomasa forestal.
Subvencións da Xunta
Benjumea sinalou que o proxecto, que se desenvolverá en Curtis e en Sogama, "pasa pola produción de bioetanol de segunda xeración, a partir de biomasa, mediante gasificación e síntese química", o que representa "a mellor alternativa actual para a valorización da biomasa forestal".
O Executivo comprometeuse a prestarlle a máxima colaboración á factoría na procura de axudas, subvencións e incentivos de I+D, a través dos distintos instrumentos financeiros e organismos administrativos da Xunta.
Segundo produtor mundial
Abengoa é un grupo industrial formado por 302 sociedades. Abengoa SA, a sociedade dominante do grupo, foi constituída en Sevilla en xaneiro de 1941. Abengoa Bioenergía é o grupo de negocio encargado de desenvolver e producir biocarburantes (bioetanol e biodiésel, entre outros).
Dentro desta área de negocio encádrase Bioetanol Galicia, S.A., situada no Concello de Curtis (Betanzos). No eido do bioetanol, Abengoa é actualmente o segundo produtor mundial, o primeiro da UE e o quinto dos EUA.