Os socialistas vigueses presentarán un contencioso – administrativo contra a alcaldesa de Vigo por utilizar o mesmo lema na súa campaña electoral que na publicidade institucional do concello.
Corina Porro no acto de presentación da súa candidatura
O coordinador provincial do PSdeG, Modesto Pose, confirmou este luns en rolda de prensa que a súa formación presentará un recurso contra o goberno de Corina Porro polo “uso indebido” de fondos públicos para financiar unha campaña publicitaria “enganosa”.
Segundo Pose, a publicidade sobre as obras e logros do goberno vigués son un “engano e unha estafa” xa que se mestura información institucional do concello coa precampaña electoral do Partido Popular.
Os concelleiros Abel Losada e Xulio Calviño denuncian en concreto que Corina Porro usou o lema “O noso Vigo” na súa presentación como candidata popular á alcaldía. Os socialistas xustifican o recurso porque a campaña publicitaria institucional do Concello de Vigo utiliza o mesmo lema, o que incumpre “completamente” a lexislación sobre publicidade e comunicación institucional.
Segundo os socialistas, e facendo referencia á lei que regula este tipo de comunicación, a campaña do concello, non debería inducir á confusión mediante o uso de imaxes, deseño, ideas, símbolos ou lemas de ningún partido político ou organización social.
O coordinador Modesto Pose, criticou con dureza o suposto “uso indebido” e lembrou que “se isto fose unha competición deportiva, xa estarían descualificados antes de comezar por tramposos”.
Esta non é a primeira polémica xerada en relación co investimento publicitario de institucións de cara ás próximas eleccións municipais. O pasado 12 de marzo o presidente do PPdeG, Alberte Núñez Feijoo, denunciaba que o presidente da Autoridade Portuaria de Vigo e candidato do PSdeG á alcaldía da cidade olívica, Abel Caballero, gastou "case un millón de euros de fondos públicos sen ningún outro criterio que saír nos medios de comunicación durante semanas e semanas".