Os populares coidan que o único camiño para mobilizar a superficie agraria é suprimir as taxas de compra-venda de predios.
Se nun principio o PPdeG tomou con certas reservas a posta en marcha do Banco de Terras, agora anuncia que se vai opoñer ao proxecto de lei de forma radical. O deputado conservador Roberto Castro asegurou este martes que a iniciativa que vai botar a andar Medio Rural “bordea a confiscación e a expropiación”. Castro subliña que cre que están en risco os dereitos dos propietarios.
O PPdeG desvela que vai presentar 130 emendas ao articulado do texto lexislativo. A formación sostén que a Xunta debe optar por “medidas incentivadoras do cambio de titularidade dos predios, como a supresión dos impostos que gravan as doazóns, sucesións ou transmisións patrimoniais”.
O Consello da Xunta, a proposta de Medio Rural, aprobou o mes pasado o proxecto de lei, que aínda ten que pasar o trámite parlamentario. O departamento que dirixe Suárez Canal defende a iniciativa como unha forma de facilitarlle terreos a aqueles produtores que o precisen sen que os seus propietarios perdan dereitos. A consellaría cre que a longo prazo o proxecto vai servir de revulsivo económico nas comarcas máis rurais.