Entre as principais novidades, a creación dun novo permiso de paternidade de quince días.
Este venres publicouse no Boletín Oficial do Estado a Lei Orgánica para a Igualdade Efectiva de Mulleres e Homes, logo de ser aprobada no Congreso o pasado día 15 co apoio de todos os partidos a excepción do PP.
A lei fixa desde este sábado un permiso de paternidade de 15 días, a paridade nas listas electorais e nos consellos de administración das empresas. Neste sentido, tamén contempla a obriga de introducir planes de igualdade na negociación colectiva nas empresas de máis de 250 traballadores.
Outra das medidas que recolle o novo texto é o dereito a reducir a xornada entre un oitavo e a metade para coidar de menores de oito anos e a ampliación do permiso de maternidade nos casos de partos prematuros e naqueles nos que o nacido deba permanecer hospitalizado.
A lei de igualdade tamén promoverá as bonificacións a traballadoras autónomas, así como exencións á Seguridade Social e o subsidio de maternidade para as menores de 21 anos, aínda que non cotizaran nunca.