O Secretario Xeral de Comunicación, Fernando Salgado e a directora do Club Internacional de Prensa, Carmen Carballo, presentaron no local desta entidade en Compostela a memoria de actividades do ano pasado, ademais da programación para os vindeiros meses.
Fernando Salgado e Carmen Carballo
Como explicou o secretario xeral de Comunicación, o obxectivo do Club Internacional de Prensa era converterse “nunha fiestra ao mundo, unha ponte tendida dende Galiza, e unha potente dínamo de actividade sociocultural”. Os obxectivos cumpríronse ao longo dun 2006 no que se desenvolveron 124 conferencias de prensa, 24 conferencias, 12 presentacións de libros, 6 xornadas e 6 actos diversos. “Debémosllo a unha directora tan entusiasta e hiperactiva como Carmen Carballo”, agradeceu Salgado, quen tamén lembrou as principais liñas de acción: facer do CIP un organismo vivo, activo, no burocratizado, cunha presenza real na cultura e na sociedade; responder a unha política de portas abertas a grupos diversos da sociedade; constituír unha plataforma de debate, foro de reflexión, e lugar de contraste de pareceres, totalmente plural, non exclusivo da prensa, senón aberto á participación; e funcionar como unha ponte tendida cara ao mundo global, como dan boa fe os ciclos 'Os latexos do mundo'. 'América, cada vez máis latina' e a presenza de persoeiros de relevancia internacional, como Eduardo Galeano, Jon Lee Anderson, Shlomo Ben Ami... Demostrando “unha actitude superadora de endogamias”.
Pola súa banda, Carmen Carballo presentou a programación para o vindeiro ano: o prato forte será un simposio internacional, “Pobre mundo rico”, que terá lugar ao longo dos martes, mércores e xoves de outubro e novembro: nel participarán persoeiros como François Houtart, sociólogo e director do Centro Tricontinental que ten sido membro do Consello Internacional no Foro Social Mundial; o director de Le Monde Diplomatique, Ignacio Ramonet, o escritor Manolo Rivas, Muhammad Yunnus, Nobel da Paz, impulsor do microcrédito e o Grameen Bank, Xosé Saramago ou Naomi Klein, periodista especializada na economía global e autora de ensaios como No logo. Ademais, coa intención de diversificar as actividades do Club e non centralas exclusivamente en Compostela, haberá unhas xornadas sobre publicidade en Galiza na facultade de Pontevedra, durante o mes de maio. “Marca Galicia” farase do 29 ao 31 e contará coa presenza de Joan Costa. Ao longo deste ano, seguirán afrontando “temas de actualidade que afecten ao conxunto da sociedade”. Xa este xoves 15 contaremos coa presenza da embaixadora de Palestina en Chile, Mai Al Kaila.