Ao longo de catro días, estas abordarán diversos temas, dende o software libre até a relación entre mercado e política.
Imaxe das Xornadas
Para a semana comezan as X Xornadas da Mocidade e n Compostela, organizadas pola Assembleia da Mocidade Independentista, AMI, co título 'O consumo que nos consome'. Do 19 ao 22 de marzo, a partir das 20.30 todos os días, a Casa Encantada, en Compostela, acolle unha serie de debates, encamiñados a analizar o xeito que ten o mercado de penetrar nas nosas vidas e influencialas: dende a informática até as drogas, o consumo irracional contribúe a afianzar as raíces do sistema capitalista.
Cada día será dedicado a un tema específico: así, na primeira das xornadas o informático Xabier Carriba falará sobre Copyleft e Software Libre, ou licenzas alternativas que permiten que tanto os contidos como as ferramentas que atopamos a través da rede poidan ser usados libremente. Será este luns 19. O martes 20, o debate céntrase en torno ao consumo responsábel, da man da cooperativa de consumo viguesa Árbore. O mércores 21, o traballador social, tamén da área de Vigo, Antón Bouzas, falará sobre drogas e consumismo. E para pechar estas xornadas, o filósofo Santiago Alba Rico abre o debate 'Mercado e política'.