Segundo informacións achegadas polo colectivo Ceivar, o preso independentista Ugio Caamanho vai ser trasladado este sábado ao centro penitenciario do Porto de Santa María (Cádiz). A organización salienta a "especial dureza interna" que caracteriza ao seu novo destino.
Ugio Caamanho
O voceiro do Organismo Anti-represivo Ceivar, Xoán Pérez, advertiu este martes do inminente traslado de Ugio Caamanho ao centro penitenciario de Porto de Santa María, na provincia de Cádiz. O preso independentista está recluído na prisión de Cáceres dende maio de 2006, a onde chegou dende Madrid.
Caamanho recibiu en datas recentes a orde de Institucións Penitenciarias, firmada pola súa directora xeral, Mercedes Gallizo, comunicándolle o cambio de centro. Segundo informou Xoán Pérez, este poderíase producir "o sábado, ou en calquera outro momento da fin de semana".
Apoio da sociedade
O colectivo Ceivar chamou á mobilización "de todas aquelas persoas e entidades que se digan demócratas e teñan un mínimo de dignidade e respecto polos dereitos humanos", para denunciaren a "política de dispersión do goberno español".
Ademais, Xoán Pérez manifestou que, segundo a Lei penitenciaria do Estado, "non se pode manter a un preso á espera de ser xulgado fóra da súa Comunidade Autónoma de orixe".
Cuestionado por se o traslado podería ter relación co intento de Caamanho de fugarse da prisión en recentes datas, Xoán Pérez sinalou "que se intúe", mais que a orde non especifica nada.