Vieiros

Vieiros de meu (ou rexistrate)

Eleccións Galiza 2009

ir á portada do especial

O Poder Galego

Historia do poder en Galiza

O país


Localización xeográfica | División política e administrativa | Poboación | Distribución da poboación activa | Os símbolos de Galiza | Galego: lingua propia de Galiza | Ata a instauración da democracia | Estatuto de Autonomía | Xunta de Galiza | O parlamento Galego | 24 anos de parlamento | Grupos Parlamentarios 2005-2009


Localización xeográfica
Galiza está situada no extremo noroccidental da península Ibérica e ocupa unha superficie de 29.575 km2. A súa orografía é irregular e a costa recórtase nas chamadas "rías".

Galiza ten, en xeral, clima atlántico húmido, aínda que existen diferenzas entre as áreas litorais e interiores.

División política e administrativa
A capital política e administrativa é Santiago de Compostela. A división administrativa actual, creada no século XIX, divide o territorio en catro provincias: A Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra.

A actividade desenvolvida pola Xunta de Galiza no ámbito da planificación territorial durante os últimos anos plasmouse no denominado Plan de desenvolvemento comarcal, no que se regulaban dun xeito inicial os instrumentos e procedementos necesarios para articular o modelo de comarcas.

Poboación
Galiza ten 2.760.179 habitantes. Por provincias, a distribución é a seguinte: A Coruña, 1.121.344; Lugo, 358.452; Ourense, 340.258 e Pontevedra 930.931. A poboación galega ocupa de forma irregular o territorio, cunha densidade de 92,3 hab/km2, e caracterízase pola elevada dispersión, con pequenos núcleos de poboación. A maior densidade corresponde á área litoral, principalmente ao extremo suroccidental e ao eixe A Coruña-Santiago-Vigo.

As cidades máis importantes son Vigo, A Coruña, Ourense, Santiago de Compostela, Lugo, Ferrol e Pontevedra.

O fenómeno da emigración caracterizou durante os dous últimos séculos a poboación galega. Nos últimos tempos obsérvase, ademais, un descenso no crecemento poboacional.

Distribución da poboación activa
Tradicionalmente, o sector predominante era o primario. Na actualidade, o sector servizos é o máis importante sendo a distribución da poboación activa a seguinte: 58,4% servizos; 19,6% industria; 11,6% agricultura e gandería; 10,4% construción.

Os símbolos de Galiza
A bandeira galega é branca cunha banda azul celeste dende o extremo superior esquerdo ata o extremo inferior dereito. A bandeira ten na parte central o escudo. O escudo de Galiza ten no centro o cáliz eucarístico. Esta figura procede dun antigo privilexio da catedral de Lugo: a exhibición constante do Santo Sacramento. O cáliz tamén se ten relacionado co lendario Santo Graal. As sete cruces que o rodean representan as principais cidades da Galiza do pasado.

O himno nacional galego interpretouse por primeira vez en 1907. A letra procede un poema de Eduardo Pondal e a música é de Pascual Veiga.

Galego: lingua propia de Galiza
O galego pertence ao grupo das linguas románicas, produto da evolución do latín implantado polos romanos no noroeste da península Ibérica, con contribucións dos pobos aquí instalados antes da súa colonización, ademais das que fixeron linguas xermánicas superpostas ao latín galaico tras a fragmentación do Imperio Romano.

O galego fálase na Comunidade Autónoma de Galiza e nas áreas máis occidentais de Asturias, León e Zamora. Ademais, fálase nas comunidades de emigrantes e en tres viliñas da provincia de Cáceres.

Diferentes circunstancias zouparon na lingua propia de Galiza ao longo da súa historia obstaculizando o seu emprego como lingua normal de comunicación. Relegada a súa utilización aos ámbitos informais, o idioma sobreviviu ata hoxe en que, parello á recuperación das institucións de autogoberno, o galego volveu acadar, xunto co castelán, o status de lingua oficial de Galiza. Actualmente, o 94% dos galegos entenden o galego, e ata un 80% o falan con maior ou menor frecuencia. Segundo a última análise do Instituto Galego de Estatística, fronte a un 19,75% de cidadáns que falan habitualmente en castelán, un total do 56,8% usan de xeito habitual o galego.


O goberno


Ata a instauración da democracia | Estatuto de Autonomía | Xunta de Galiza | O parlamento Galego | 24 anos de parlamento | Grupos Parlamentarios 2005-2009


Ata a instauración da democracia
Galiza foi un reino independente dentro da Península Ibérica desde a chegada dos suevos ata a segunda metade da Idade Media. Logo da integración no reino de Castela, os nobres galegos seguiron gozando dunha posición de poder privilexiada que mantiveron ata finais do século XIV e comezos do XV, cando os aristócratas galegos apoiaron o candidato perdedor en dúas guerras dinásticas castelás.

Galiza recuperou o poder perdido no XIX, seguindo a singradura dos nacionalismos europeos. O rexionalismo, liderado por Alfredo Brañas, medrou na segunda metade do século XIX ao abeiro do Rexurdimento, fénomeno de recuperación da identidade cultural e histórica do pobo galego.

Os anos vinte do noso século asistiron ao nacemento do Partido Galeguista, que contaba con dous representantes no parlamento da República española. Daniel Rodríguez Castelao e Alexandre Bóveda foron os principais artífices do primeiro Estatuto de Autonomía para Galiza, que nunca podería entrar en vigor por mor da Guerra Civil Española.

Houbo que agardar ata o 16 de marzo de 1979, cando o país adquiriu o réxime de preautonomía. En xuño dese ano os parlamentarios galegos presentaron nas Cortes o proxecto de Estatuto Autonómico de Galiza. Foi ratificado polo pobo galego en referendo (decembro de 1980) e posto en vigor en abril de 1981.

Galiza estableceuse como Comunidade Autónoma pola Lei orgánica 1/1981 do 6 de abril (BOE 28/IV/81).


Estatuto de Autonomía
Aprobado en 1980, O Estatuto de Autonomía de Galiza é o marco legal de competencias, deberes e dereitos da Comunidade.


Xunta de Galicia
A Xunta aparece definida noEstatuto de Autonomía coma o órgano colexiado do Goberno de Galiza. Está composta polo Presidente, Vicepresidente (ou Vicepresidentes) e mailos Conselleiros, que son elixidos polo Presidente.

A Xunta cesa coa celebración de eleccións ao Parlamento Galego e nos casos de perda de confianza parlamentaria, de demisión ou de falecemento do seu Presidente. Responde políticamente diante do Parlamento, de xeito solidario, e sen prexuízo da responsabilidade directa de cada un dos seus compoñentes. A Xunta de Galiza poderá interpor recursos de inconstitucionalidade e presentarse diante do Tribunal Constitucional nos supostos e termos previstos na Constitución e na Lei Orgánica do mesmo.

A Xunta de Galiza ten transferidas unha serie de materias exclusivas, recollidas no título segundo do Estatuto, e outras competencias que con carácter exclusivo e por Lei Orgánica lle sexan transmitidas polo Estado.


O Parlamento
O Parlamento de Galiza é o máximo órgano representativo do pobo galego, segundo recolle o artigo 9 do Estatuto. Tralas primeiras eleccións autonómicas galegas, celebradas en 1981, o Parlamento iniciou a súa andaina.

A potestade lexislativa é a primeira función do Parlamento de Galiza. Ademais ten o control da acción executiva da Xunta de Galiza, a aprobación dos orzamentos da Comunidade autónoma, e todas cantas competencias lle sexan atribuídas pola Constitución, polo Estatuto, polas leis do Estado e polas propias do Parlamento de Galiza.O Parlamento de Galiza, que ten a súa sede na rúa do Hórreo de Santiago, está formado por 75 deputados, que representan as catro provincias da Comunidade autónoma. Os parlamentarios son elixidos por sufraxio universal, seguindo a lei D'Hont, para un período de catro anos.

Os deputados intégranse en grupos parlamentarios para a realización da súa actividade representativa. Cada grupo deberá estar formado por un mínimo de cinco deputados. Noutro caso, intégranse no grupo mixto.O Parlamento galego dispón dun Regulamento, aprobado por maioría absoluta, que establece todos os seus mecanismos de composición, funcionamento e réxime interno. Os órganos de goberno da Cámara galega son o Presidente, a Mesa e a Deputación Permanente.

As reunións do Parlamento celébranse en Pleno e en Comisións, reuníndose en ámbolos casos en sesións ordinarias e extraordinarias. Os grupos parlamentarios participan en tódalas comisións en proporción ó número dos seus membros. Funciona, ademais, unha Xunta de Portavoces, na que participan os deputados designados como representantes dos distintos grupos.

A iniciativa para que o Parlamento tome en consideración as propostas lexislativas corresponde, ademais de á propia Cámara, á Xunta e ós deputados. Tamén está regulada a iniciativa popular para a presentación de proposicións de lei que o Parlamento deberá tramitar, se estas acadan o número mínimo de sinaturas esixidas. As leis aprobadas polo Parlamento entran en vigor unha vez que son publicadas no Diario Oficial de Galiza. Consulta a historia do Parlamento Galego a través das súas cinco lexislaturas.


28 anos de parlamento
O 20 de outubro de 1981 celébranse as primeiras eleccións ao Parlamento de Galiza. Con Antonio Rosón (UCD) na presidencia da Mesa, os 71 deputados saíntes duns comicios moi apertados elixen a Xerardo Fernández Albor como primeiro presidente da Xunta. O Goberno xorde coa misión de poñer en práctica o Estatuto de Autonomía, ratificado en referendo en decembro de 1980.

En 1985 a TVG comeza as súas emisións. Fernández Albor preside un segundo mandato, marcado pola morte de Antonio Rosón e a moción de censura presentada polo Partido Socialista e deputados de Coalición Galega e o Partido Nacionalista Galego. É 1987 e chega o "Goberno tripartito" de González Laxe. O Parlamento inaugura a súa nova sé, na rúa do Hórreo.

Soan gaitas no Obradoiro. En 1989 comeza a era Fraga. O Parlamento pasa a ter 75 deputados. Esta terceira lexislatura deixa tamén a icona máis famosa, o "zapatazo" de Beiras. Dende 1993 e logo que o primeiro goberno Fraga modificase a normativa electoral, subindo do 3 ao 5% a porcentaxe mínima de voto necesaria para acadar representación parlamentaria, a Cámara galega reduciuse a un escenario tripartidista. A composición do grupo parlamentario popular vai en aumento, con sucesivas maiorías absolutas, misturadas con demisións e diversos escándalos de corrupción. Pola súa banda, o PSOE, principal opositor despois das eleccións do 85 perde terreo. Unha caída que vai acompañada da ascensión do Bloque Nacionalista Galego, convertido na segunda forza galega na lexislatura de 1997. vantaxe que se reduciría logo das eleccións de 2001, con empate en número de parlamentarios co PSOE. A longa etapa protagonizada polo PP no Goberno vira en 2005 cara a un pacto de goberno de PSdeG e BNGLogo do 1 de marzo, o Parlamento agarda o inicio da súa oitava lexislatura.


Grupos Parlamentarios 2005-2009
Grupo Popular: 37
Grupo PSdeG: 25
Grupo BNG: 13
Os programas

Administración pública: inercias e urxencias dun xigante

Os principais grupos políticos teñen a convicción da necesidade dunha nova lei de función pública, malia que difiren na concreción. No medio, o PP pretende suprimir para os funcionarios a obrigatoriedade de coñecer o galego.